+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

As xornadas da Deputación sobre mobilidade e espazos públicos traen a Pontevedra a máis de 80 políticos e técnicos


O doutor en Xeografía Pau Avellaneda, o xefe da Policía Local Daniel Macenlle e o asesor provincial Jesús Fole falarán mañá das ‘slow cities’ e da necesaria aposta polas persoas e o seu benestar como centro da planificación urbanística e a mobilidade

As Xornadas de mobilidade e espazos públicos organizadas pola Deputación de Pontevedra que se celebrarán mañá no Museo provincial traerán á cidade a máis de 80 políticos, técnicos locais e profesionais de toda Galicia para coñecer de primeira man experiencias sobre mobilidade sustentable e segura e as consecuencias da súa aplicación práctica co ‘modelo Pontevedra’ como referencia.
Entre os asistentes están os alcaldes de A Cañiza, Covelo, Marín, Mondariz Balneario, Nigrán, Pazos de Borbén, Portas e Tomiño, ademais de concelleiros, arquitectos e enxeñeiros municipais, o que demostra o grande interese pola materia nos concellos de toda a provincia. De feito, o número de participantes ás xornadas de mañá no Museo case duplica aos do Foro de Movilidad Sostenible de Zaragoza celebrado os pasados 17 e 18 de este mes, no que se expuxeron os modelos de cidade de Vitoria, Friburgo e Copenhague.
A frase “todos somos peóns a maior parte da nosa vida” é unha reflexión do doutor en Xeografía e experto en espazo público e mobilidade sustentable e segura, Pau Avellaneda, que participará mañá nas xornadas, pero que será tamén o eixo común das conferencias dos outros dous poñentes, o xefe da Policía Local de Pontevedra, Daniel Macenlle, e o asesor provincial Jesús Fole. Os tres protagonistas das xornadas falarán da filosofía das ‘slow cities’ e da necesidade de retornar a un ritmo vital que poña ás persoas e o seu benestar no centro da planificación urbanística e de mobilidade.
As xornadas foron organizadas polo departamento de Infraestruturas provincial, dirixido polo nacionalista Uxío Benítez, que pretende facer da mobilidade sustentable e segura un dos eixos prioritarios das actuacións urbanísticas dos concellos da provincia neste mandato. Por iso, e con motivo do Día Europeo da Mobilidade, a Deputación convidou a tódolos responsables políticos e técnicos de toda Galicia. “Os coches non son os únicos usuarios das vías. Hai un cambio na sensibilidade xeral e dende a Deputación primarase a mobilidade peonil e a seguranza viaria para os peóns á hora de executar proxectos e actuacións e de asesorar aos concellos”, indicou Benítez.

Ponentes
Pau Avellaneda é unha eminencia en materia de mobilidade tanto no estado como no estranxeiro. Doutor en Xeografía pola Universidade Autónoma de Barcelona (UAB), está especializado en Xeografía urbana e particularmente en espazo público urbano e mobilidade sustentable e segura. Desde 2003 é profesor de Xeografía da UAB onde imparte docencia sobre ordenación do territorio. Dispón dunha experiencia de 15 anos no desenvolvemento de estudos e informes de análises e planificación no campo do urbanismo e a mobilidade. Ao longo da súa traxectoria académica e profesional, especializouse en aspectos tanto sociais como territoriais da mobilidade, nos colectivos vulnerables da mobilidade, así como en temas relacionados coa seguranza viaria “para todos” sempre tomando o espazo urbano como base e salientando devanditos aspectos desde o espazo público. A súa intervención en Pontevedra versará sobre ‘Mobilidade no hábitat urbano’.
Daniel Macenlle, xefe da Policía Local de Pontevedra, é licenciado en Dereito, e ven divulgando o novo concepto de mobilidade entre os 125 traballadores do corpo de seguridade municipal e a cidadanía local dende 2005. Participou en numerosos foros nacionais e internacionais explicando o traballo feito no Concello de Pontevedra e o seu modelo de cidade: Ourense, Segovia, Santander, Sevilla, Gijón, Zaragoza, Donosti, Portugal, Bruxelas, Roma, Florencia, Dubai… A súa ponencia terá como tema central a ‘Xestión do espazo público e mobilidade’, e abordará a creación do concepto de servizos para establecer os criterios que permiten o paso de vehículos polo centro da cidade.
Pechará a sesión do día 23 o novo asesor da Deputación de Pontevedra en materia de mobilidade, Jesús Fole, ao que se pode considerar como un dos ‘pais técnicos’ do modelo urbano de Pontevedra. Fole é arquitecto superior pola Universidade de Navarra e foi integrante de varios estudios de arquitectura en varias localidades do estado. Converteuse no arquitecto xerente da oficina do Plan Urban II no Concello de Pontevedra (1998-2002), para pasar a ser o arquitecto xefe da Oficina Técnica de Arquitectura local. Entre as súas actuacións reforma urbana destacan (en orden cronolóxico) os proxectos da Praza de Curros Enríquez; da rúa Sarmiento; das prazas da Verdura e Méndez Núñez; das rúas Don Gonzalo, César Boente, Sagasta e avenida de Vigo; da Praza dos nenos; das rúas Real, Gutiérrez Mellado, Cruz Gallástegui, Joaquín Costa, Riestra e Cobián Roffignac, así como os da Praza de España ou da avenida de Santa María, entre outros. Como proxectos de rehabilitación no ámbito público levou adiante as obras do Pazo de Mugartegui e da Casa das Campás.

Deja un comentario