+034 986 09 02 04 Luns 23 de Novembro de 2020

A Deputación preséntase no Consello de Goberno da Rede Local para a Axenda 2030 como a promotora do cumprimento dos ODS nos 61 concellos da provincia


 

Carlos Font explicou que os Orzamentos de 2021, que se aproban este venres, culminan a estratexia “Alianza Local Pontevedra Provincia” deseñada para captar fondos europeos e avanzar cara a unha provincia máis sostible
“Somos un exemplo de Boas Prácticas porque levamos traballando na Axenda dende o ano 2016 e todo o que facemos está ligado ao cumprimento dos ODS”
A Deputación de Pontevedra non só cumpre a Axenda 2030 da ONU, senón que é o axente promotor do seu cumprimento nos 61 concellos da provincia. Así o destacou o deputado Carlos Font durante a súa intervención na sesión de constitución do Consello de Goberno da Rede de Entidades Locais para o Desenvolvemento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 (REDODS), agrupación
nacida o pasado mes de outubro co impulso da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
Font tomou a palabra, xunto con alcaldes e alcaldesas de todo o estado que representan ás 195 entidades locais asociadas, para explicar que a Deputación aprobará este venres un Orzamento 2021 completamente aliñado cos 17 ODS e concibido dende a estratexia “Alianza Local Pontevedra Provincia”, centrada na posta en marcha dun plan conxunto de captación de fondos europeos para facer fronte ás consecuencias socioeconómicas da pandemia e avanzar cara a unha provincia máis sostible, seguindo a folla de ruta e os principios transformadores encarnados na Axenda 2030.
O deputado enviou un saúdo aos integrantes do Consello de Goberno en nome da presidenta Carmela Silva, nomeada vocal o pasado mes de outubro na primeira sesión da asemblea xeral da REDODS. A de Pontevedra é a única deputación integrada, xunto coa de Albacete, nun foro no que participan concellos, cabildos e consells insulares de toda España e que preside o alcalde de Palma, José Hila. Un conglomerado municipalista que representa a máis de 16 millóns de persoas e que despois de comezar a súa andaina hai un mes con 167 entidades locais, hoxe xa sumaba un total de 195, o que demostra o interese que está a suscitar.

Carlos Font explicou que a Deputación de Pontevedra é vista hoxe como unha referencia na Axenda 2030 e por iso aproveitou a primeira xuntanza do Consello de Goberno para por ao dispor da REDODS a súa experiencia nos últimos catro anos, nos que ten acumulado un portfolio de Boas Prácticas. “Ao observar o que levamos feito sentimos certa satisfacción, pero, en realidade, iso só nos motiva para seguir traballando na transformación da provincia coa convicción de que a saída desta terrible crise debe ser vista como unha oportunidade para camiñar na dirección correcta, que é a dirección que marcan os ODS”.
Durante o Consello de Goberno deuse conta da celebración, o próximo día 11 de decembro, da “Xornada sobre o Reto dos Gobernos Locais na crise covid19: Estratexias aliñadas cos ODS da Axenda 2030”, concibida como a primeira gran achega da Rede local. Nela haberá presentacións das Boas Prácticas das entidades adheridas. A maiores, presentarase unha Guía, xa en proceso de elaboración, que pretende converterse no documento de coordinación e consulta para a implementación dos ODS dende os municipios.
José Hila subliñou que os ODS son a mellor estratexia para a abordaxe dos efectos que está a causar a crise sociosanitaria. “Os ODS son xusto o que queriamos para os nosos municipios antes da pandemia e, unha vez que pase, aínda máis, porque non queda outra que construír municipios máis sostibles”. Neste senso, houbo coincidencia en que a Axenda 2030 é “profundamente municipalista” e a mellor vía para “chegar” á xente dende os concellos máis grandes aos máis pequenos, dende os máis urbanos aos máis rurais.
A adhesión da Deputación de Pontevedra á Rede, que foi aprobada este verán polo Pleno da Corporación, supón un novo chanzo do compromiso por unha provincia sostible por parte da institución provincial, na que a axenda medioambiental e a igualdade marcan tódalas políticas desde a entrada do actual Goberno hai cinco anos. De feito, a Deputación de Pontevedra alcanza actualmente un cumprimento ao 100% da Axenda 2030 cos programas e actividades en marcha relacionadas con cada un dos 17 ODS.

Deja un comentario