+034 986 09 02 04 Luns 23 de Novembro de 2020

A Xunta sinaliza unha ruta ciclita protexida de case 50 quilómetros polos concellos de Pontevedra, Poio, Sanxenxo e O Grove


Luisa Piñeiro supervisa a fase final desta actuación, que estará rematada en días e pretende favorecer a protección dos ciclistas deportivos con trinta indicadores

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, está a sinalizar unha ruta ciclista protexida de case 50 quilómetros nos concellos de Pontevedra, Poio, Sanxenxo e O Grove no marco dunha actuación global do Plan de Seguridade Viaria que pretende potenciar os indicadores nunha decena de percorridos de toda a comunidade.
Por este motivo, a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, acudíu esta mañá ata a contorna da Lanzada, no Concello de Sanxenxo, para supervisar a fase final desta mellora, que estará rematada nos vindeiros días, na compaña do xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez, e de María Deza e Daniel Arosa en representación do goberno local.
A representante autonómica concretou que este reforzo da sinalización na denominada Ruta do Sol responde ao interese do Goberno galego en “aumentar a seguridade, cun incremento cualitativo e cuantitativo dos indicadores, en rutas coma esta que son moi empregadas polos ciclistas deportivos, cos que temos que adaptar as medidas de prevención, xa que circulan a maior velocidade que os afeccionados pero teñen a mesma vulnerabilidade fronte aos vehículos”.
Esta ruta ciclista protexida vai ser das primeiras en quedar rematada de toda Galicia e a súa configuración consiste na instalación de 30 indicadores, 14 sinais e 16 paneis de grandes dimensións, nos que se advirte da presenza habitual de ciclistas e da necesidade de extremar as precaucións na circulación.
En concreto, a Ruta do Sol ten unha lonxitude de 48,3 quilómetros en sentido circular que beneficia a sete estradas autonómicas: PO-531, PO-308, PO-504, PO-550, PO-316, PO-312 e PO-317.
Esta iniciativa, que conta coa colaboración da Federación Galega de Ciclismo, exténdese a outro percorrido, denominado Volta ao Val, da área territorial de Pontevedra, xa que discorre polos cinco concellos do Baixo Miño, Oia, O Rosal, A Guarda, Tomiño e Tui, e outros cinco da contorna metropolitana de Vigo.

Deja un comentario