+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xaneiro de 2021

A Policía Local intensifica os controis con axentes non uniformados para velar polo cumprimento das restricións


Garantir o cumprimento das medidas hixiénico sanitarias establecidas polas diferentes administracións para frear o avance da Covid19 está a ser “un reto pola gran cantidade de frentes de actuación que actualmente temos”.
Así o expresa a Policía Local de Marín, que trasladou ao Concello o balance das últimas actuacións realizadas nas nestas semanas nas que aumentaron as restricións. Os axentes están a priorizar os controis con policías non uniformados, o que se coñece como actuacións “de paisano”, xa que, segundo indican, “logran un maior efecto sorpresa que non se conseguría doutra forma”.
Sobre todo, o corpo de seguridade sinala que hai un relaxamento por parte da cidadanía no que ten que ver, sobre todo, coas reunións de non convivintes no espazo público.
Tamén se están a realizar comprobacións nos entornos dos espazos de hostalaría, para velar por que simplemente se recolla no local as consumicións e non se consuman na entrada dos mesmos, o cal non está permitido. Nesta liña, interpuxéronse tres denuncias a locais que estaban incumprindo a normativa.
A nivel particular, tamén hai unha presión específica no cumprimento do uso obrigado da mascarilla na vía pública e nos espacios comúns, na non ocupación de vehículos por persoas non convivintes e a prohibición das reunións
con xente que non forme parte da unidade de convivencia.
A Policía Local asegura que esta labor de control e inspección será reforzada nos vindeiros días.

Deja un comentario