+034 986 09 02 04 Domingo 17 de Xaneiro de 2021

O PP denuncia os case 2 millóns de euros de débedas do Concello de Cuntis


O PP de Cuntis denuncia que o Concello ten débedas por valor de 2 millóns de euros, xa que segundo o balance económico de 2019 presentado polo Goberno local debe facer fronte a unha necesidade de financiamento de case 800.000 euros para cerrar o exercicio 2019, ós que hai que sumarlle os 1,1 millón de euros pendentes do ano 2018. “Como pode chegar a esta situación un concello no que o seu orzamento anual ronda os 3 millóns de euros?”, preguntan os concelleiros populares. “Son unhas contías desorbitadas”, critican, e alertan que o Goberno incumpriu as tres regras fiscais, levando ao Concello de Cuntis “a unha situación complicada e preocupante”.
Para os populares, “a explicación que fixo o alcalde no último pleno roza o insulto aos seus veciños, escudándose en que a conta xeral de 2019 conta cos informes favorables de Intervención”. Ese termo favorable, explican desde o PP, indica que o expediente conta con toda a documentación que fixa a lei para ser remitida ó Tribunal de Contas e para nada garda relación coa gravidade dos resultados. “A realidade é que se mandaron facer cousas sabendo que non había diñeiro para pagalas, e desde logo, non polo ben dos veciños senón polo interese propio do grupo socialista”.
Ademais, desde o PP preguntáronlle ó Alcalde como se van a pagar todas esas débedas e todas aquelas facturas que suman case 600.000 euros de traballos realizados, algúns deles desde hai case catro anos, e que seguen no caixón, sen nin sequera asentar na contabilidade porque presentan irregularidades de contratación. “As opcións para afrontar esas débedas son dúas: pedindo créditos, pagando elevadas comisións e deixando hipotecado o Concello para os vindeiros anos, ou ben subirlle os impostos ós veciñas e veciños de Cuntis”, indican.
Outro punto que se tratou no pleno foi a moción presentada polo PP de Cuntis na que presentaban medidas de axuda para traballadores, autónomos e empresas locais que visen afectados os seus ingresos por mor da crise sanitaria provocada pola COVID-19; e que obtivo o voto en contra do grupo socialista, cando en concellos limítrofes como Caldas de Reis obtivo o apoio d o seu rexedor ante propostas semellantes do PP. Para os populares de Cuntis “resulta inadmisible este comportamento do grupo de Goberno, incapaz de aceptar unha mellora para os veciños se ven da man do PP, e poñendo por encima a ideoloxía política antes que o pobo de Cuntis”.

Deja un comentario