+034 986 09 02 04 Domingo 17 de Xaneiro de 2021

Luisa Piñeiro valora a aposta da Xunta pola formación e o traballo en Vilanova de Arousa coa posta en marcha de dous obradoiros de emprego


A delegada territorial visita, co alcalde Gonzalo Durán, as tarefas da iniciativa de hostalaría ‘Mar de Santiago’, que forma a 16 persoas desempregadas menores de 30 anos, con motivo do seu primeiro mes de actividade
A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, valorou esta mañá a “forte aposta do Goberno galego pola formación e polo traballo” no Concello de Vilanova de Arousa coa concesión de dous obradoiros de emprego e, en xeral, na comarca do Salnés, que contará cunha decena de iniciativas laborais durante os próximos doce meses cun investimento de 3,8 millóns de euros da Consellería de Emprego e Igualdade.
A representante autonómica realizou a súa terceira visita desta semana ás actividades de formación e emprego impulsadas pola Xunta nesta bisbarra, xa que é a maior beneficiaria das mesmas dentro da provincia de Pontevedra. Así, acompañada do alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, achegouse ata o obradoiro de emprego para xóvenes Mar de Santiago con motivo do seu primeiro mes de actividades.
Esta iniciativa laboral, que se desenvolve no Pazo Vista Real, conta coa participación de 16 persoas desempregadas de ata 30 anos de idade que se formarán durante doce meses nos módulos de Cociña e Servizo de Restaurante. Nos mesmos aprenderán, conxugando aspectos teóricos e prácticos, a elaboración de pratos, a conservación de produtos, a definición de ofertas gastronómicas, a presentación e a atención ao cliente, empregando, en certas ocasións, a lingua inglesa.
Ademais deste obradoiro, Luisa Piñeiro anunciou que este mesmo mes arrancará en Vilanova de Arousa unha iniciativa dual das mesmas características que se presenta baixo a denominación Vista Real VI e que formará a unha vintena de persoas desempregadas na modalidade de Mantemento de Xardíns e Zonas Verdes. En total, a Xunta investirá 740.000€ nestas accións de mellora da empregabilidade neste municipio arousano ata finais do ano 2021, xa que cómpre lembrar que os obradoiros duais dan opción aos participantes a ter un emprego nunha empresa da zona durante tres meses ao seu remate.
“Creo que a aposta da Xunta de Galicia pola formación e o emprego queda máis que demostrada en Vilanova e, en xeral, en toda a bisbarra do Salnés, que recibirá case 4 millóns de euros, a maior cantidade de toda a provincia de Pontevedra, para desenvolver dez iniciativas laborais, entre obradoiros e programas integrados, para favorecer a empregabilidade de case 300 persoas”, explicou Luisa Piñeiro, que felicitou aos mozos participantes no obradoiro de hostalaría polos seus avances no primeiro mes de actividade e puxo en valor a importancia desta iniciativa concreta “xa que serve para formar a xente nova
nun ramo moi importante para o sector turístico nunha zona que acolle cada ano a centos de miles de visitantes, polo que creo que estas ensinanzas e experiencia poden abrirlles moitas portas no mercado laboral na súa propia contorna”.

Deja un comentario