+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

O Goberno de Lalín pon en marcha a ‘operación bacheo’ para implicar á veciñanza na mellora das rúas da vila


O Concello convida á xente a que informe de fochancas e pequenas deficiencias a través do facebook co obxectivo de darlles unha solución o máis inmediata posible

O Goberno municipal quere implicar aos veciños e veciñas de Lalín na mellora e o adecentamento das rúas da vila. Con ese obxectivo o Concello vai abrir unha canle de participación directa a través do seu facebook e o seu twitter oficiais para que os lalinenses que así o desexen poidan informar de fochancas e de pequenos problemas que detecten nas rúas da localidade.

Unha vez o Concello reciba esa información daráselle traslado á brigada de obras para que, en canto se comprobe a existencia do desperfecto, se lle poida dar unha solución da maneira o máis inmediata posible. Con este modelo tamén se poderá programar unha actividade de mantemento de rúas sostida no tempo e non puntual e coincidente con determinados períodos electorais, como se facía ata o inicio deste mandato.

O equipo que dirixe Rafael Cuíña tamén quere poñer en marcha esta iniciativa para fomentar a participación veciñal. “Todos estamos interesados en que Lalín presente un aspecto inmellorable”, afirma o alcalde. “Pero para iso precisamos recibir unha información constante e directa que nos permita actuar coa máxima celeridade e optimizando os recursos públicos que temos ao noso alcance”. Ata o de agora a veciñanza acudía á propia casa consistorial para trasladar as súas demandas neste eido, pero co uso das redes sociais lograrase axilizar o proceso. “En canto teñamos constancia dun problema, trasladarémosllo á brigada de obras para que trate de darlle a solución máis rápida posible”, lembra Cuíña.

Con esta iniciativa tamén se avanza en outros dos obxectivos do Goberno municipal para a modernización da administración pública: a transparencia, a participación e o uso das novas tecnoloxías. Neste sentido o Concello, a través da concellería de Urbanismo e da de Novas Tecnoloxías, xa está a traballar nunha nova ferramenta para incrementar e mellorar a interacción entre a administración local e os veciños. Trátase dun sistema de mapeo colectivo que mediante unha aplicación informática permita xeolocalizar deficiencias, como fochancas ou outros desperfectos, ao tempo que permita que os usuarios poidan propoñer actuacións para determinadas zonas da vila.

Namentres, os veciños e veciñas de Lalín que así o desexen poden empezar a deixar as súas demandas de mellora de fochancas e outros pequenas incidencias a través da páxina de facebook do Concello https://www.facebook.com/concellodelalin ou no seu twitter oficial https://twitter.com/ConcellodeLalin. Tamén se habilita o seguinte enderezo electrónico: brigadaobras@lalin.org

Deja un comentario