+034 986 09 02 04 Domingo 17 de Xaneiro de 2021

A Xunta activa os obradoiros duais de emprego na provincia de Pontevedra co inicio de «Coidar de Nós III» que formará a vinte desempregados de Ponteareas e As Neves


A delegada territorial, Luisa Piñeiro, inaugura esta iniciativa laboral, que se desenvolverá durante nove meses cun investimento de 346.946€ e permitirá que os participantes realicen, ao seu remate, tres meses de práctica en empresas da zona

A Consellería de Emprego e Igualdade vén de activar a nova quenda de obradoiros duais de emprego na provincia de Pontevedra, quecontará con ata 14 destas actividades, coa posta en marcha da iniciativa laboral Coidar de Nós III, que formará a vinte desempregados dos concellos de Ponteareas e As Neves grazas a un investimento de 346.946€.
A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, asistiu esta mañá ao seu acto de inauguración, celebrado no Centro de Desenvolvemento Local de Lomba do Cruceiro, e destacou a “forte aposta do Goberno galego pola formación, a inserción e o traballo” en ambos municipios, que veñen de clausurar este mesmo mes a segunda edición deste obradoiro, e nas bisbarras do Condado e A Paradanta.

Nesta zona desenvolveranse tres obradoiros duais, xa que ao compartido por Ponteareas e As Neves uniranse Coidando entre Todos/as para os concellos de Mondariz e Covelo, cuxa inauguración está prevista para este mércores, e Salvaterra Emprega. En total, serán tres iniciativas laborais cun investimento de 1,04 millóns de euros que formarán e mellorarán a empregabilidade de sesenta participantes.
A representante autonómica, que estivo acompañada no acto de apertura pola alcaldesa en funcións de Ponteareas, Cristina Fernández, e polo rexedor das Neves, Xosé Rodríguez, animou aos participantes a “aproveitar esta oportunidade e desenvolver un bo labor de aprendizaxe para gañar coñecementos e experiencia e obter o certificado de profesionalidade, xa que elo contribuirá decisivamente a dispoñer de máis opcións laborais no regreso ao mercado de traballo cando finalice esta formación no outono de 2021”.
O obradoiro de emprego Coidar de Nós III manterá o mesmo esquema que a súa edición precedente cos módulos -con dez participantes cada un- de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio e Institucións e Repoboación Forestal e Tratamento Silvícola, que terán nove meses de duración e complementaranse con ensinanzas en materias como prevención de riscos laborais, igualdade, alfabetización dixital ou sensibilización ambiental, entre outras. Ademais, os alumnos-traballadores disporán da posibilidade, ao seu remate, de optar a contratos de prácticas por espazo de tres meses en empresas da zona para completar a súa formación e facer unha toma de contacto no mercado laboral en torno aos seus oficios.

En total, a Consellería de Emprego e Igualdade concedeu un total de 22 obradoiros duais de emprego no período 2020-2021 para a provincia de Pontevedra, dos que oito son para mozos e mozas e están orientados exclusivamente a desempregados de ata 30 anos de idade, cun investimento global próximo aos 7,5 millóns de euros.

Deja un comentario