+034 986 09 02 04 Sábado 16 de Xaneiro de 2021

O Armadiña substitúe a súa edición presencial do Festival de 2020 por unha Banda deseñada con música incorporada


 

A deputada María Ortega subliña que ‘O último festi’ conta en galego a historia de catro mozos e mozas que asisten xuntos ao festival en Combarro

Cógidos QR permiten acceder a actuacións de Sés, Heredeiros da Crus Uxía Lambona e a Banda Lambona, Fanfarria Taquicardia e The Tetas Van

A publicación ‘O último festi’ en banda deseñada substituirá este ano por mor da COVID-19 a edición do Armadiña Rock Fest 2020 que se ía celebrar o pasado mes de agosto en Combarro. Así o explicaron hoxe na Deputación a deputada de Patrimonio e Lingua, María Ortega, a presidenta do colectivo Armadiña, Luz Fontán, o ilustrador e coordinador Kiko da Silva e os autores Pablo Prado e Fernando Llor.
‘O último festi’ trátase dun libro de 32 páxinas a cor do guionista Fernando LLor, nomeado mellor guionista español de cómic, e o debuxante Pablo Prado, que acaba de adaptar á banda deseñada a novela de Berta Dávila O derradeiro libro de Emma Olsen, obra editada pola editorial Galaxia. A banda deseñada conta a historia dunha pandilla formada por dous rapaces e dúas rapazas que vivirán o seu último festival antes de separarse para dar comezo a súa etapa universitaria en diferentes cidades.
O festival será a décimo segunda edición do Armadiña Rock en Combarro.
Nela tamén haberá un cartaz formado por bandas musicais como Uxía Lambona e a Banda Lambona, Fanfarria Taquicardia, The Tetas Van, Sés e Heredeiros da Crus, a cuxas actuacións as e os lectores poderán chegar a través de códigos QR.
Segundo destacou a deputada de Lingua e Patrimonio, María Ortega, a Deputación colaborou coa edición desta publicación polo seu novidoso formato: é a primeira vez que un festival de música se converte en literatura en formato cómic en lingua galega. Ademais, tendo en conta que a banda deseñada é un dos xéneros literarios con menor presenza nos catálogos editoriais galegos, a edición de ‘O último festi’ supón achegar unha temática diferente e orixinal á literatura galega e unha clara aposta pola edición de banda deseñada na lingua galega.

Ortega quixo agradecer á Asociación Armadiña a súa aposta pola cultura, polo deporte e polo coidado do ambiente. “Nótase na publicación que eses son os seus piares”, subliñou, para salientar que a proposta valorouse tamén polo tratamento da igualdade de xénero, a normalización da diversidade sexual, e por poñer en valor o patrimonio marítimo pesqueiro, agrario e tamén dende o punto de vista etnográfico.
De feito, os protagonistas do libro celebrarán o seu útimo festival visitando os lugares onde transcorre o festival no recinto histórico de Combarro, trasmitindo o fomento e conservación do patrimonio material e inmaterial grazas a creación de varias localizacións clave (rúa Cega, Praza da Rualeira, Praza de San Roque) , en base do traballo que investigación e recompilación que realizaron a Comisión Organizadora do Armadiña.
Pola súa banda, a presidenta de Armadiña, Luz Fontán, destacou que a banda deseñada é unha adaptación novidosa e permite que o festival teña unha edición na ficción ao non poder celebrarse en vivo, onde habitualmente acuden unhas 25.000 persoas. “Que nós saibamos é o primeiro festival do
mundo en plasmarse en banda deseñada, en viñetas”, asegurou, agradecendo a súa implicación tanto ás persoas autoras como á Deputación.
Pola súa banda, o coordinador da publicación Kiko da Silva, subliñou que “foi tremendamente chamativo que, fronte á maioría de festivais que, cando cancelaban pasaban ao formato dixital, nos chamasen do Armadiña para ir ao analóxico e ao papel. Isto permitirá que o Armadiña permaneza nos
andéis das bibliotecas mantendo a esencia, incluíndo a música a través dos códigos QR. Isto provocará que cando a COVID desarpareza moitos mozos e mozas queiran facer a mesma ‘turné’ que as e os protagonistas”, dixo.
O ilustrador Pablo Padro, así mesmo, destacou que o seu obxectivo na parte gráfica foi a través da cor e o debuxo transmitir a sensación e a experiencia forte da vivencia do festival e do seu son. “Queriamos trasladar a exuberancia arquitectónica, rural, do mar…”, apuntou.
Finalmente, o guionista Fernando Llor asegurou que trasladar a papel un festival foi un “desafío complicado e difícil” cun resultado que vai gustar porque “reflicte a esencia, coa historia de catro chavales e chavalas (…) que viven as aventuras típicas dunha BD”.

Deja un comentario