+034 986 09 02 04 Domingo 17 de Xaneiro de 2021

Baiona edita calendarios coas mulleres como protagonistas


A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona en vista do éxito das Axendas Igualitarias 2021 edita un calendario para o ano 2021 coa historia das 12 mulleres baionesas protagonistas desta axenda.
Esta acción ven a por o remate do proxecto “Igualdade todo o ano” impulsado pola concellería no seu compromiso por levar a cabo actuacións de promoción da igualdade entre mulleres e homes e contra as violencias machistas.
A Concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas, destaca que: “Foi tal o éxito das axendas igualitarias, e dado que non todo o mundo puido facerse con unha, que decidimos editar este calendario para que todos os veciños e veciñas que o desexen poidan ter este almanaque nas súas casas e poder coñecer de primeira man a historia destas 12 mulleres baionesas que loitan pola igualdade”.
O calendario 2021 ilústrano as historias recollidas na axenda igualitaria 2021. Desde a concellaría quíxose recoñecer con esta axenda, e agora co calendario, o papel que ten a muller no municipio, a través de doce baionesas que foron pioneiras en diferentes campos. Así, cada un dos meses está dedicado a unha muller da vila, algunhas suficientemente recoñecidas e outras do todo descoñecidas até o momento: Xaneiro a Irene Silva, Febreiro a Lula Goce, Marzo a Iria González, Abril a I ria Misa, Maio a Mónica Sueiro, Xuño a Mila López, Xullo a Ana María Gameiro, Agosto a Cristina Míguez, Setembro a Susana González, Outubro a Ramona Marcote, Novembro a Carmen Piñeiro e Decembro a Fefa. Detrás de cada unha destas mulleres hai unha historia de loita pola igualdade que merece que os seus conveciños e conveciñas coñezan.
Editaranse 7.500 calendarios e as persoas interesadas poden recollelos en distintos puntos habilitados nas parroquias do municipio. Así, en Baiona poderán acudir a praza de abastos municipal e o edificio do Concello; en Sabarís, no casino e na praza de abastos; en Baíña, na cafetería do centro cultural e na tenda desta parroquia; en Belesar na tenda-bar de Media Aldea e en Baredo na tenda desta parroquia. A partir do luns tamén se poderán recoller no Centro Ángel Bedriñana, situado na rúa Carabela Pinta.
A axenda igualitaria 2021 e a edición do calendario supoñen o colofón do proxecto “Igualdade todo o ano”, unha iniciativa didáctica e pedagóxica, na que asumen o protagonismo o alumnado que cursa a ESO tanto no CPI COVA TERREÑA coma no IES PRIMEIRO DE MARZO e mulleres dá nosa vila. O proxecto, promovido polo Concello de Baiona a través dá Concellería de Igualdade, Xuventude e Novas Tecnoloxías e o Centro Municipal de Información á Muller municipal, é subvencionado pola Deputación de Pontevedra, no marco dá Liña dous do Plan Concellos 2020.
Pola súa banda o Alcalde, Carlos Gómez Prado sinala que: “Temos claro que o que non se nomea, non existe, e temos unha débeda de xustiza inmensa con xeracións de mulleres anónimas que seguen sen aparecer nos libros de texto e no imaxinario social. Estas 12 mulleres baionesas que figuran na axenda igualitaria e no calendario axudan a visibilizar o papel da muller na nosa vila. Elas figuran en representación de todas as que viron os seus nomes invisibilizados na historia da localidade, e en recordo ás que sufriron e continúan sufrindo a consecuencia máis dolorosa e extrema da desigualdade como é a violencia machista. Trátase de mulleres pioneiras e que co seu traballo contribúen ou contribuíron de maneira decisiva ao desenvolvemento social, económico e cultural de Baiona. Pero tamén queremos recoñecer a todas esas mulleres anónimas que desde as súas casas día a día foron e son e serán as auténticas protagonista de sacar a familia adiante. Grazas ao seu traballo e ao seu esforzo ocupáronse de sacar adiante á familia, educadoras, coidadoras, xestoras do fogar que con traballo e sacrificio impulsaron os seus fogares. O meu recoñecemento a todas e cada unha delas”.

E conclúe que “con accións de visualización como a edición tanto das axendas igualitarias como dos calendarios o grupo de goberno do Concello de Baiona aposta firmemente por avanzar nos valores da igualdade de xénero desde a administración, como exemplo a seguir polo resto da cidadanía na construción dunha sociedade de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Entre todos construímos unha Baiona mais igualitaria. Queremos unha Baiona libre de violencia machista”.

Deja un comentario