+034 986 09 02 04 Domingo 17 de Xaneiro de 2021

A alcaldesa de Redondela utilizará “todos os medios ao seu alcance” para que Chapela poida contar cunha Escola Infantil


Digna Rivas lamenta que, tras insistentes peticións de reunións ao longo de ano e medio para tratar este tema, a xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, non teña nin tan sequera contestado

 

“A Escola Infantil para Chapela é un tema irrenunciable para este Goberno porque é un dereito que teñen as veciñas e veciños”, asegurou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas ao reforzar a aposta do executivo que preside coa instalación dunha escola infantil nesa parroquia redondelá.

Dende hai ano e medio que o actual equipo de Goberno tomou posesión e pese as insistentes peticións da Alcaldía ante o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar “a día de hoxe non hai nin tan sequera contestación aos nosos requirimentos dunha xuntanza urxente para tratar este tema”, afirma a alcaldesa.

Esta falta de contestación contrasta, por outra parte, “coa presa que se deron no intento de asinar un protocolo de colaboración entre o anterior goberno do PP e a Xunta, poucos días antes das eleccións municipais, exactamente o 21 de maio”, un documento que tal e como apuntaron os propios servizos xurídicos do Concello, non podería ter a consideración de protocolo xa que “expresaba compromisos concretos” e tería que ser, por tanto, un convenio.

Dito convenio, engade Digna Rivas, non se tramitou xa o Goberno local estaba en funcións dada a proximidade da cita electoral de maio, e o convenio “só se podía tramitar por administración ordinaria”. Dende aquela e ata hoxe, pese as continuas e reiteradas peticións de reunión por parte do Goberno de Redondela, o Consorcio segue sen responder “o que, repito, contrasta coa presa que se querían dar coa sinatura dun protocolo express que puideran vender nas eleccións aínda que non tivera base algunha”.

De feito o texto do ‘protocolo’ sinalaba que “ambas partes consideran oportunio formalizar o presente protocolo a fin de que no ano 2019 poidan iniciarse as obras de construción da escola infantil”, parágrafo corrixido polos servizos xurídicos do Concello que sinalaban a necesidade de retirar a data do 2019 “tendo en conta os trámites pendentes a realizar –terminar a tramitación de MPNSS a día de hoxe en información pública, urbanización, licitación do proxecto–fan prácticamente inviable que a esa data se poidan iniciar as obras”.

Se non fora pola gravidade da situación e da importancia da reclamación veciñal sobre a necesidade imperiosa dunha escola infantil en Chapela, o Goberno local ata consideraría divertido que, entre os motivos que argumenta o Consorcio para non asinar un convenio, “está a tramitación da Modificación Puntual das Normas Subsidiarias de Cidadelle, onde se quere instalar a Escola Infantil” cando a realidade e que cando o Goberno do PP e a Xunta buscaban asinar o protocolo, “dita modificación estaba moito máis atrasada que agora dado que, nestes momentos, xa se aprobou provisionalmente polo Pleno e remitiuse á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a súa aprobación definitiva. “É dicir, que agora que está máis avanzado o proceso, non vale pero si valía cando estaba moito máis atrasado. Entón non era un impedimento e agora, curiosamente, si o é”, matiza Digna Rivas.

Queda claro para a alcaldesa de Redondela, “que non se trata dunha cuestión técnica, senón dunha postura claramente política na que se ignoran, deliberadamente, as necesidades dos veciños e veciñas de Chapela á hora de contar cunha Escola Infantil para os seus fillos e fillas”.

Digna Rivas quixo, finalmente, deixar clara a súa postura e a do seu Goberno: “loitar con todos os medios legais que teñamos ao noso alcance para conseguir a Escola Infantil para Chapela. Trátase dunha cuestión de xustiza e a veciñanza de Chapela ten dereito a que sexan escoitadas as súas demandas e se lles dea unha solución”

Deja un comentario