O presidente da Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns, Antón Xil, recibiu unha chamada da Alcaldía (a través da concelleira, Leticia Rocha) para facer efectiva, mañá mércores, a devolución das chaves do Centro Sociocultural aos veciños e veciñas de Forzáns, tal e como se solicitaba por esta asociación no escrito de requerimento avalado por máis dun cento de sinaturas de veciños e veciñas residentes nesta parroquia.
O presidente acudirá ao longo da mañá deste mércores a retirar a correspondente chave para seguir garantindo o libre acceso de veciños, asociacións, colectivos sociais, etc. da parroquia de Forzáns, como se viña facendo ata o de agora e desde hai uns 10 anos con total normalidade e cordialidade, a estas instalacións que son de e para o pobo de Forzáns, segundo os acordos establecidos ante notario entre o Concello de Ponte Caldelas e os veciños e veciñas de Forzáns representados xurídicamente polas súas asociacións.
Os veciños e veciñas de Forzáns agradecen as mostras de afecto e solidariedade recibidas ao longo destes días procedentes de colectivos, asociacións e particulares que amosaron o respaldo ante unha situación inédita e inxustificada.
Grazas a todos e agardamos que este acto sexa o reinicio dunha nova relación de estreita e sinceira colaboración entre o Concello de Ponte Caldelas e as asociacións e colectivos veciñais de Forzáns sempre pola vía do diálogo e do entendemento na procura do mellor para os veciños e veciñas desta parroquia.
Deja un comentario
Disculpa, debes iniciar sesión para escribir un comentario.