+034 986 09 02 04 Domingo 17 de Xaneiro de 2021

Rueda destaca o papel responsable das xuntas locais do PP para ser útiles nun ano complicado para todos


Entende que se demostrou que o Partido Popular é unha formación útil en todo momento, tanto nos concellos nos que goberna como nos que é oposición, na provincia e en Galicia.

O presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, destacou durante a última xunta directiva provincial do ano, celebrada onte pola noite de xeito telemático e na que tamén participou o presidente do PPdeG,
Alberto Núñez Feijóo, o papel responsable de toda a familia do Partido Popular, de todas as xuntas locais da provincia, para ser útiles nun momento especialmente complicado para todos. Nesta liña, Rueda subliñou que nun ano que ía estar marcado polas eleccións autonómicas, a irrupción da pandemia cambiou as prioridades, “e demostramos que o PP é unha formación útil en todo momento, tanto nos concellos, como na provincia e en Galicia”.
Por iso agradeceu de xeito especial o traballo desenvolto polos alcaldes, “aos que lles tocou xestionar unha realidade difícil, e que cando todo eran incertezas traballaron arreo para ser os primeiros en dar respostas aos seus veciños; pero tamén polos voceiros na oposición, que fixeron un traballo responsable,
sumando e ofrecendo propostas serias”.
Rueda fixo un repaso dos últimos meses, e tamén salientou o papel importante que tiveron os alcaldes e voceiros populares da provincia para reclamar ao Goberno central o uso dos remanentes, defendendo así o aforro dos seus veciños, ou para defender ao sector mar-industria, e destacou tamén o importante resultado conseguido nas eleccións autonómicas, “nas que co aval da xestión do Goberno galego, conseguimos revalidar os once deputados na provincia e, deste xeito, dar un triunfo histórico para o PPdeG”. Ademais, aproveitou a ocasión para dar a benvida aos dous novos deputados
autonómicos pola provincia, María Felisa Rodríguez e Manuel Santos, que tomaron posesión das súas actas a semana pasada no Parlamento galego en substitución de Jesús Vázquez Almuíña e José Manuel Cores Tourís.
Por último, para o ano Xacobeo 2021, pediu seguir ilusionando á cidadanía con proxectos e retos apegados á realidade, seguir facendo as cousas con sentido e responsabilidade como ata o de agora, e visibilizar aínda máis e mellor a mensaxe do PP de Pontevedra. É fundamental reforzar e engraxar toda esa maquinaria do partido da que sempre presumimos, concluíu.

Deja un comentario