+034 986 09 02 04 Sábado 16 de Xaneiro de 2021

Conta atrás para as obras do novo vial de Mollavao


 

O presidente en funcións César Mosquera e o alcalde Fernández Lores asinaron hoxe o convenio “histórico” de colaboración á espera do informe final de Costas sobre a concesión dos terreos

A institución provincial dará encaixe urbanístico ao vial e achegará 938.824 euros mentres o Concello licitará a actuación

O novo vial de Mollavao entre a carretera vella e a avenida de Marín está en fase de conta atrás. Mentres está aberta a exposición pública a concesión dos terreos de Costas, a Deputación de Pontevedra e o Concello asinaron hoxe o convenio de colaboración polo que a institución provincial confírmase como responsable das tramitacións administrativas e de achegar o financiamento (938.824 euros) e o Concello como responsable de licitar as obras.
O convenio foi rubricado oficialmente polo presidente en funcións César Mosquera e polo alcalde de Pontevedra nun acto que consideraron “histórico” pola importancia da actuación. Segundo asegurou Mosquera, a vía “é sumamente trascendente porque a zona este da cidade foi históricamente maltratada en tódolos aspectos, con deterioros ambientais e  urbanísticos bastante graves, polo que merece toda a nosa atención”.
O nacionalista asegurou que as obras resolverán moitísimos problemas, mellorando a conectividade limitada na zona (xa que non existe boa conexión entre a estrada e a autovía ata pasado Praceres), e tamén permitindo a mellora do primeiro treito de Rosalía de Castro, poñéndoa de dirección única de saída a Marín con beirarrúas máis amplas e calidade urbana. “Cambiará de maneira substancial toda a zona”, afirmou.
Ademais do financiamento (938.824 euros) achegado pola institución provincial, Mosquera quixo poñer en valor a importancia da colaboración da Deputación na tramitación, xa que se a nova estrada se fixera a través da modificación do PXOM pontevedrés “nin en catro anos estaríamos neste punto”. “Esta colaboración Deputación –Concello, na que cada un aporta as súas capacidades e facultades para posibilitar a consecución do obxectivo, é o máis salientable. Teño especial aprecio a esta actuación e interese en que saia adiante”, finalizou, para asegurar que tan pronto chegue oficialmente o informe de Costas, o Concello procederá á licitación das obras, que comezarán en 2021.
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, congratulouse de asinar o convenio con César Mosquera como presidente en funcións (algo que non acontecera ata o momento) e compartiu os apuntamentos do nacionalista sobre a importancia da colaboración institucional. O rexedor asegurou que o Concello capitalino está levando adiante a iniciativa na recuperación da zona de Mollavao, “onde por circunstancias históricas é preciso actuar”.
Lembrou, así, que está presentada unha emenda aos Orzamentos do Estado para solicitar fondos para a recuperación da marxe da ría. Sinalou, así mesmo, que ademais da nova estrada de Mollavao o Concello porá en marcha de maneira inmediata a reforma do primeiro treito de Rosalía de Castro cun proxecto complementario, onde ata o de agora era difícil aplicar o ‘modelo Pontevedra’ pola falta de espazo. Unha vez executadas ambas actuacións o tráfico de chegada dende Marín pasará á autovía, dixo: “Queremos un proxecto global en toda a zona”, afirmou.

Catro administracións estiveron involucradas no proxecto de Mollavao, lembrou Lores, cualificando o proxecto de “complicadísimo”, e asegurando que “todos tiveron boa intención en sácalo adiante” a pesar da súa longa tramitación.
A nova estrada de Mollavao discorrerá entre dúas glorietas, unha na avenida de Marín e outra na estrada vella. A lonxitude da vía -entre os centros das rotondas- será finalmente duns 97 metros e o seu ancho será de 15 metros, divididos nunha sección de dous carrís de catro metros, dúas beiravías dun
metro, e dúas sendas de 2,5 metros.
A glorieta máis cercana á ría terá un radio exterior de 16 metros, contando o parterre interior de arredor de 13 metros de diámetro, un empedrado de metro e medio, dous carrís de 3,5 metros cada un, e de dúas beiravías de 0,50. A glorieta interior será máis pequena, únicamente chegando aos 13 metros de radio, e coa mesma disposición de carrís e beiravías.
Renovaranse todos os servizos, instalarase nova iluminación (desprazando algúns dos puntos actuais, conectando 10 novas luminarias e 8 reforzos lumínicos nos pasos de peóns), ademais de plantar vexetación nos espazos verdes das rotondas e tamén algunhas árbores de maior porte.
En canto ao calmado do tráfico, construiranse dous pasos de peóns sobreelevados (PPS) na rúa Rosalía de Castro, antes e despois da glorieta de acceso; outro PPS no medio da estrada de nova construción; e outro antes da glorieta da avenida de Marín.

Deja un comentario