+034 986 09 02 04 Domingo 17 de Xaneiro de 2021

A Xunta licita por 250.000€ a mellora das intalacións do IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra


A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de iniciar a contratación das obras, que terán un prazo de execución de dous meses
A Xunta de Galicia vai investir algo máis de 250.000 euros nas obras de mellora enerxética e funcional do IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra, o que incidirá nunha mellor ventilación neste centro de acordo co protocolo covid.
A través do portal Contratos de Galicia , a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de iniciar a licitación desta obra de forma conxunta xunto coas do CEIP de Curtis e do CEIP Primeiro de Marzo (Baiona), todas elas cun prazo de execución de dous meses e un investimento que acada os preto de 800.000 euros entre as tres actuacións.
Cun orzamento de licitación de 250.325,28 euros, as obras a acometer no IES Torrente Ballester consisten na renovación das carpinterías exteriores do instituto por outras novas con apertura oscilobatente que contribuirán á mellora da ventilación das aulas.
Mellora de infraestruturas e equipamento
Esta obra enmárcase no obxectivo do Goberno galego de mellorar as infraestruturas e equipamentos escolares co obxectivo de acadar o máximo confort nas aulas, e para o cal o departamento educativo do Goberno autonómico ten programado obras por un importe de máis de 51 M€ en centros de toda Galicia.
Así, no marco do Plan de Reactivación do Sector Construción para a mellora dos Centros Educativos incrementouse en 30 millóns máis dos previstos inicialmente para este ano, co fin de favorecer a creación de emprego, especialmente entre as pequenas e medianas empresas.
Co novo investimento programáronse un total de 535 actuacións de obra e equipamento. As obras contemplan tanto rehabilitacións integrais e de mellora da eficiencia enerxética como ampliacións, traballos de Reforma, Ampliación e Mellora (RAM) e rehabilitacións sectoriais (sobre as problemáticas máis comúns nos centros: cubertas, carpintarías exteriores, iluminación…), entre outras.

Deja un comentario