+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Deputación e concello de Pontecesures ordenan a inminente substitución das luces do ximnasio do colexio de Pontecesures


O enxeñeiro provincial plantexou a incautación do aval á empresa encargada da instalación

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Pontecesures veñen de dar a orde de substituír de xeito inminente as luces do ximnasio do colexio de Pontecesures. Durante a tarde de onte estaba previsto que un electricista contratado pola administración local procedera ao cambio das trece luminarias do centro educativo, que funcionaban de xeito intermitente e incumprían a normativa que regula a utilización de luces para minimizar o risco de crises epilépticas.
Esta solución drástica chega despois de que se a empresa adxudicataria da instalación (Genyal Soluciones de Energía) non se fixese cargo das actuacións de mellora, supostamente, por problemas de solvencia.
O enxeñeiro provincial que onte visitou as instalacións indicou no seu informe a conveniencia de incautar o aval presentado pola contrata para facer fronte aos gastos ocasionados pola substitución por material correcto. Tamén suxeriu o análise por parte do Servizo de Contratación e Xurídico da Deputación e do Concello de Pontecesures da posible reclamación de danos e perxuízos.
A instalación das novas luces led no ximnasio do colexio de Pontecesures estaba incluída no proxecto de aforro e eficiencia enerxética de edificios municipais elaborado polo goberno local e financiado con cargo aos Plans de Investimento da Deputación. Grazas a ese proxecto tamén se instalaron luces novas no pavillón de deportes e no campo de fútbol da vila.

Cambio de potencia
Logo de firmarse o contrato coa empresa o concello solicitou unha ampliación de potencia dalgunhas das luminarias. Esta foi asumida pola adxudicataria en substitución das melloras incluídas na súa oferta (cun orzamento de preto de 60.000 euros).
Sen embargo, poucos meses despois da instalación comezaron a detectarse as primeiras deficiencias. No verán do ano pasado xa se repuxeron algunhas das luminarias, pero Genyal Soluciones se desentendeu dos demais cambios necesarios e quixo pasar a responsabilidade do mal funcionamento das lámpadas á empresa de subministro eléctrico. Os estudos feitos por técnicos municipais e de Gas Natural Fenosa determinaron que a rede funcionaba de xeito correcto, polo que, con vistas a clarexar a situación, se solicitou colaboración técnica dos servizos provinciais.
Na visita do enxeñeiro da Deputación onte á Pontecesures este detectou que os 13 focos nos que se aumentara a potencia funcionaban de xeito irregular porque foran manipulados e, a pesar de que a empresa si aumentara a potencia do led de cada luminaria, non modificara a carcasa de cada unha delas segundo as novas condicións. Así, indicou a necesidade de facer unha substitución de forma urxente.

Deja un comentario