+034 986 09 02 04 Venres 14 de Agosto de 2020

A colaboración entre a Xunta e Costas do Estado permite a instalación e mellora de sendas en Vilaboa, O Grove, Vilanova de Arousa e Marín


A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio vén de informar distintos proxectos de rexeneración costeira que executa os servizos de Costas do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente en concellos do litoral galego

A colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas permitirá a instalación ou a mellora de paseos marítimos ou camiños nos concellos de Vilaboa, O Grove, Vilanova de Arousa e Marín.

A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio vén de informar distintos proxectos de rexeneración costeira que executa os servizos de Costas do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente en concellos do litoral galego.

Este traballo coordinado das administración autonómica e estatal permitirá, en concreto, a posta en marcha das obras para levar a cabo un senda peonil de 360 metros en Vilanova de Arousa. Trátase dun camiño de dous metros de ancho, con pavimento de xabre e bordos de madeira, con pasarelas para salvar os desniveis existentes entre fincas e zonas con rochas.

No caso de Vilaboa, a solicitude implica a realización de obras de execución dunha senda de 150 metros de lonxitude, que ten por obxecto estabilizar unha zona de paso moi deteriorada e minimizar os problemas mediante a canalización das augas pluviais, que asegura, ademais, unha área de descanso mediante o reforzo do murete que contén. A senda, cun ancho total de dous metros, realizarase en xabre confinado entre bordos de madeira. As actuacións proxectadas localizaríanse na súa práctica totalidade no dominio público marítimo-terrestre, no lugar de Paredes e constituirán a prolongación dunha senda executada anteriormente polo Servizo Provincial de Costas en Pontevedra.

No Grove formúlase unha senda peonil de 345 metros de lonxitude en dous metros de ancho, con pavimento de xabre de bordos de granito, co obxecto de de prolongar a conexión de borde litoral existente de Porto Meloxo a Punta Moreiras.

En Marín, por último, levarase a cabo a construción dun paseo voado de madeira de 100 metros de lonxitude e dous metros de ancho, paralelo ao viario existente. Levarase a cabo tamén a reposición da capa de rodadura no viario existente ao longo do fronte marítimo da praia de Loira; a rehabilitación do pavimento existente, xerando unha zona de uso exclusivo peonil, co acceso aos garaxes das vivendas existentes; a rehabilitación do muro de contención de ribeira e do camiño de acceso ao embarcadoiro, así como o acondicionamento dunha pequena zona de descanso e miradoiro.

Deja un comentario