+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

Cores Tourís acordou co concello de Vilagarcía a execución de medidas urxentes para mellorar a aula de educación física do CEIP de Rubiáns


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra anunciou que ao longo do presente curso educativo estudiarase un proxecto de reforma de máis envergadura para o que se solicitará a colaboración da Deputación de Pontevedra

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá un encontro con representantes do concello de Vilagarcía co obxectivo de buscar unha solución urxente a aula de educación física do CEIP de Rubiáns.

No encontro estivo presente o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, o concelleiro de Educación de Vilagarcía, Argimiro Serén, o concelleiro de obras, Lino Mouriño, o portavoz do PP neste concello, Tomás Fole, e responsables da Unidade Técnica da Xefatura Territorial de Educación.

Na reunión, os responsables de ambas administracións acordaron que proximamente se reúnan os técnicos da Delegación Territorial e do concello de Vilagarcía, “de cara a poñer en marcha pequenas melloras que permitan a realización da práctica deportiva por parte dos alumnos deste centro arousano durante o presente curso”, explicou Cores Tourís.

O delegado territorial matizou que a partir da execución destas pequenas melloras, que serán afrontadas ao 50% por Xunta e concello, “volveranse a reunir os nosos técnicos para analizar qué reforma de maior envergadura queremos levar a cabo no futuro”.

Tanto o delegado territorial como o concelleiro de Educación coincidiron en que nesa futura obra terá que participar tamén a Deputación de Pontevedra. “Non podemos esquecer que xa existía un compromiso da anterior institución provincial, con Rafael Louzán á cabeza e con Tomás Fole como alcalde, en relación a construción dun novo pavillón neste centro. Nós apostamos pola colaboración entre administracións para poñer en marcha melloras tan importantes coma esta de Rubiáns. De feito, foi o que se veu facendo nos últimos tempos, como ocorreu, por exemplo, no IES Ramón Cabanillas de Cambados, onde a Deputación investiu 650.000 euros”.

Pola súa banda Argimiro Serén agradeceu a cordialidade do encontro celebrado hoxe “xa que foi unha reunión moi positiva que permitirá mellorar esta instalación e dar unha solución á comunidade educativa de Rubiáns”.

Deja un comentario