+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

O alcalde da Lama e o delegado da Xunta en Pontevedra asisten ao comezo do Proxecto Documental Integrado do colexio lamense


Baixo o epígrafe -Protexe a vida. Coida vos nosos ecosistemas?, os nenos participarán durante todo o curso en iniciativas lúdico-educativas dirixidas á conservación e o respecto pola natureza

O alcalde da Lama, Jorge Canda, e o delegado da Xunta en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís, asistiron ao comezo do Proxecto Documental Integrado (PDI) posto en marcha pola comunidade educativa do colexio lamense e que comezaron cunha festa con manualidades e cancións na Alameda.

Canda e Tourís entrevistáronse co director do centro educativo, Rafael Sánchez-Agostiño quen lles informou que este ano o PDI escollido polo colexio viraría ao redor da protección dos ecosistemas e a vida de animais e plantas.

Os nenos e profesores, xunto con algúns pais, participaron dunha xornada matinal, acompañada polo bo tempo, na que realizaron manualidades utilizando as castañas e as landras como elementos fundamentais e cantaron cancións infantís ao son dunha guitarra que tocaba o propio director do colexio.

Segundo Rafael Sánchez-Agostiño, a intención desta actividade é favorecer a aprendizaxe entre o alumnado dunha forma lúdica e divertida e que teña como nexo de unión os valores ecolóxicos e de respecto ao medio ambiente tan importantes para o futuro da contorna natural da Lama e do mundo.

Deja un comentario