+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018

Entran en vigor as novas tarifas do servizo de taxi do concello de Bueu


A tarifa diúrna do servizo de taxi é aplicable en días laborables de 6 a 22 horas, e a nocturna/festiva en días laborables de 22 a 6 horas, os sábados a partir das 15 e os domingos, e festivos locais e autonómicos. Así o establece a resolución da alcaldía con data do 28 de setembro que establece as tarifas definitivas para o servizo de taxi en Bueu, e que comezan a ser efectivas desde hoxe tras a publicación no BOPPO. Así, a percepción mínima será de 3,75 euros, mentres que o custe por quilómetro percorrido de 1,05 euros, e a hora de espera en 16,20. A tarifa nocturna consta dunha percepción mínima de 4,50 euros, de 1,26 por quilómetro percorrido e de 19,44 euros por hora de espera.
Ademais, na resolución tamén se especifica un custe de 0,60 euros para bultos ou maletas (excepto cadeiras de discapacitados ou de bebés) e de un euro para os cans, menos os cans guía.
Aprobación da ordenanza de regulación do servizo de taxi
Ademais destas tarifas, e co obxectivo de “prestar un servizo público coas máximas garantías”, en palabras de Félix Juncal, no pleno do 17 de setembro aprobouse definitivamente a ordenanza regulador do servizo de taxi en Bueu. Entre as medidas que nela se adoptan está a obrigatoriedade do taxímetro en todos os vehículos, e tamén que non se pode contratar o servizo fóra das paradas a menos de 100 metros, agás en casos de mobilidade reducida.
Esta ordenanza, que substitúe á do ano 1996 pretende adaptarse aos novos tempos e, máis concretamente, cumprir a Lei 4/2013 do 30 de maio de 2013 de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia. Así, a ordenanza ten a finalidade de regular a prestación do servizo de taxi segundo os principios de responsabilidade pública, universalidade, accesibilidade e continuidade, ao tempo que se vela polos dereitos e deberes de usuarios e autopatronos.

Deja un comentario