+034 986 09 02 04 Sábado 19 de Setembro de 2020

Unha árbore pontevedresa opta a ser a Árbore Europea do ano 2016


Unha metasequoia prantada hai máis de medio século no xardín público do Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Pontevedra)
-propiedade da Deputación provincial -, pode ser elexida Árbore Europea do ano 2016 dentro do concurso da organización Bosques Sen Fronteiras.
Esta asociación trata de atopar o candidato español para o certame, buscando unha árbore especial no territorio estatal, sobre todo popular dentro do seu ámbito, e que poida ser votada por unha gran cantidade de persoas. Pode ser unha árbore famosa a nivel local ou unha árbore coñecida con algún tipo de singularidade.
O exemplar de metasequoia localizada no arboreto de Lourizán ten, desde a súa orixe, unha bonita historia: medrou dunha semente colleitada en Mo-tao-chi, na provincia chinesa de Hubei no ano 1948. Nesa localidade atopárase en 1943 un exemplar vivo da especie, que se consideraba fósil e xa extinguida. Ademais, a peza pontevedresa é tamén moi especial xa que a pesar de ser unha conífera, cambia de cor coa época do ano e en Pontevedra está de cor vermella durante a época do Nadal. Logo cáenlle as acículas, a pesares de que hai moi poucas coníferas de folla caduca.
Agora, a metasequoia de Lourizán, que foi presentada como aspirante polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán (que se encarga dos seus coidados) quedou finalista con outros seis candidatos españois: un fresno de Madrid, unha olma de Guadarrama, ‘La gran carrasca’ de Guadalajara, o Pino-roble de Caricosa en Burgos, os olmos do Parque dos Príncipes en Alicante e o Teixo de Bermiego en Asturias.
Dende a Deputación anímase aos pontevedreses a votar e a difundir a mensaxe sobre a candidatura desta árbore pontevedresa polo convencemento «do gran valor deste exemplar tan especial de Lourizán». A votación, que finalizará o vindeiro día 30 deste mes de outubro, pódese facer en www.facebook.com/bosquessinfronteras.

Características da peza de Lourizán
As dimensións da Metasequoia glyptostroboides H.H.Hu & Cheng de Lourizán son de 35 metros de altura, un diámetro normal a 1,30 metros de 83 centímetros e unha circunferencia de 2,6 metros. Ten a morfoloxía tipo da especie, cunha copa cónica e estreita, e destaca polo porte esbelto caracterizado polas variacións cromáticas propias da estación. E é quizais a árbore de maiores dimensións e en mellor estado de conservación de Europa.
A metasequoia glyptostroboides é unha especie forestal considerada un fósil vivente. Trala súa identificación en 1941 en material fósil, se redescubriu un exemplar vivo en 1943 en Moudao-Lichuan-Hubei, China. As mostras desta primeira árbore, colleitadas cando a provincia de Hubei era escenario da segunda guerra chinés-xaponesa, foron o material de partida para a súa identificación. En 1946, trala derrota de Xapón na Segunda Guerra Mundial, Hsen-Hen Hu, fundador da taxonomía botánica en China, identificou o material vivo asegurando que correspondía á especie. A primeira recolección de semente, tan só dous quilos, realizouse no outono de 1947 en Moudao e Shui-xa-pa (actual Val das Metasequoias). Estas sementes distribúense entre as principais institucións botánicas europeas e americanas. A esta primeira expedición seguíronlle outras dúas ata 1948.
O exemplar de Metasequoia glyptostroboides do arboreto de Lourizán que se propón procede destas primeiras recoleccións. Este exemplar plantado en 1951 é único en España xunto co que se atopa en Ponte de San Miguel en Torrelavega (Cantabria) de 1956, hoxe propiedade da familia Botín. Esta árbore simboliza o esforzo dun grupo de investigadores botánicos que en plena Segunda Guerra Mundial identificaron unha especie, garantiron a súa conservación e mesmo foron capaces de distribuír as súas sementes a pesar das adversidades do momento histórico.
A metasequoia de Lourizán, á parte de ser un exemplar catalogado como sobresaliente polo seu porte excepcional, segue producindo sementes coas que se perpetúa esta historia.
O próximo ano 2016 cúmprense 70 anos dun fito no mundo da botánica: a ‘volta á vida’ dunha especie forestal considerada fósil e o punto de partida da súa conservación e expansión.

Deja un comentario