+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Carmela Silva asegura que Louzán non deixou comprometido ningún fondo de libre disposición para a Ronda Leste de Lalín


A Presidenta da Deputación critica a xestión do anterior goberno do proxecto DEPODEZA na súa primeira visita á capital dezán

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, foi contundente hoxe na súa visita á capital dezán ao asegurar que non existe ningunha cantidade complementaria adicada á obra da rolda leste de Lalín. Silva asegurou que «o anterior alcalde de Lalín faltoulle a verdade a este pobo porque non é certo que exista ningún convenio nin acordo para dispor de 200.000 euros da libre disposición do anterior presidente da Deputación para a rolda leste».
Silva aclarou que a obra da rolda leste dispón do aporte de 200.000 euros do Plan de Obras e Servizos 2015 aprobados e que se poderán adicar algunha cantidade a maiores provinte de baixas de outras obras polo que a cifra final podería estar cercan aos 300.000 euros e o resto terá que esperar ao ano próximo coa posta en marcha do novo fondo de cooperación local. «O señor Louzán -subliñou a Presidenta- tiña moitos miles de euros de libre disposición e non deixou nada. Nos deixaron partidas con 145 euros e para Lalín deixaron cero euros consignados».
Noutro orden de cousas Carmela Silva saudou a «forma diferente de facer política en Lalín» onde na súa visita ademais do alcalde e o tenente de alcalde tamén estaba presente a oposición . «É unha boa práctica -afirmou Silva- para que en outros concellos se actúe dun xeito igual».
Entre os temas que abordaron nesta primeira xuntanza entre o alcalde Rafael Cuiña; o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, e a Presidenta, Carmela Silva atopáronse a situación do Pazo de Liñares e o centro de conocemento de arqueoloxía, falto só dunha conexión de internet.
A Presidenta da Deputación sinalou que non se pode pedir explicacións a este novo goberno da institución provincial, «que leva menos de cen días no cargo» cando a ausencia dunha liña de internet tiña que ser arranxada polo anterior goberno de Rafael Louzán e José Crespo. «A xestión do proxecto DEPODEZA -subliñou Silva- é unha auténtica chapuza e ademais é moi cuestionable. Nestes menos de tres meses traballando xunto con este novo goberno municipal estamos a pique de arranxalo».
Neste mesmo sentido pronunciouse Carmela Silva sobre o centro da cultura castrexa que está pendente de establecer o sistema de xestión. «¿Cómo é posible que aínda non tiveran establecido? -preguntouse Silva- porque a única solución que plantexaron foi a xestión privada e externa pero sen tan sequera realizar un pliego para a súa adxudicación».
A Presidenta salientou que neste momento estase a estudar a mellor forma de poñer en marcha este centro, «primeiro para ver si é posible a xestión pública porque temos que ser moi respetuosos cos cartos públicos e non sempre estar a mirar polo beneficio privado».
En igual medida, Silva fixo referencia a situación do viveiro de empresas, onde o anterior goberno provincial tampouco fixo unha modificación para incluír o mobiliario e o equipamento informático, algo que si se fixo para o viveiro de Barro Meis.
Carmela Silva sinalou que, en todos os casos, a responsabilidade de súa paralización «ten nomes e apelidos, o señor Rafael Louzán e o señor José Crespo». “Neste momento, despois de menos de tres meses de goberno xa se tomou a decisión de adicar recursos da baixa do proxecto para que este viveiro de empresas conte co mobiliario e o equipamento informático necesario. O señor Louzán e o señor Crespo teñen que explicarlle as veciñas e veciños de Lalín como querían poñer en funcionamento este equipamento sen o material imprescindible”.
Pola súa banda, o alcalde, Rafael Cuíña, agradeceu a vista da presidenta, coa que augura unha excelente relación durante este mandato. Ao mesmo tempo felicitouse polo cambio de políticas na Deputación Provincial tras o nefasto paso de Rafael Louzán pola institución. O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, anunciou que se van destinar 61 mil euros para servizos e obras no rural, que haberá aínda que definir.

Deja un comentario