+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Agosto de 2018

Cultura e Educación contribúe á divulgación do patrimonio musical galego a través das xornadas sobre Reveriano Soutullo


Coincidindo co centenario da peza ‘Amores de aldea’, Ponteareas acolle entre hoxe e mañá o IV Simposio de Musicoloxía Reveriano Soutullo e a presentación do disco ‘Ponteareas’, con gravacións inéditas do mestre

A figura e a obra de Reveriano Soutullo centran as xornadas quese celebron en Ponteareas, concello natal “dun dos compositores galegos máis relevantes do seu tempo, unha época prolífera na música no conxunto do contexto español no que Soutullo logrou facer o seu espazo e situar tamén un repertorio propio con identidade”.

Así se referiu ao compositor o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante o acto de apertura das xornadas, “que nos permiten seguir afondando neste músico de referencia para a nosa historia musical”, dixo.

No marco das xornadas, o auditorio ponteareán acollerá ao longo do día o IV Simposio de Musicoloxía Reveriano Soutullo. Nel participarán a presidenta da Fundación Reveriano Soutullo, María Rosa Arija; os profesores Pablo Abreu e Xaime Estévez, e o musicológo e editor Javier Jurado, que falarán da obra e da figura do compositor, con especial referencia á peza da que este ano se celebra o seu centenario, a zarzuela ‘Amores de aldea’.

Respecto desta obra, o secretario xeral asegurou que, “se ben non logrou a difusión pública doutras obras do autor, si que ten interese a distintos niveis, tanto pola calidade da composición, como pola perspectiva desa implicación do mestre Soutullo na creación dunha música cunha especificidade galega”.

Gravacións inéditas
Tamén recordou Anxo Lorenzo o apoio que desde a Xunta de Galicia se lle vén ofrecendo á Fundación Reveriano Soutullo a través dun convenio de colaboración coa Consellería de Cultura e Educación. Ao seu abeiro realizouse o disco ‘Ponteareas’, que se presentará no marco das xornadas o domingo ás 20:00 horas, cun concerto a cargo da Banda de Música Xuvenil de Xinzo.

Editado por Dos Acordes, e gravado por esta banda baixo a dirección de Juan Carlos Díaz Álvarez pola Banda Xuvenil de Xinzo, o disco tamén contou co apoio do Concello de Ponteareas e da Radio Galega. As partituras dalgunhas das obras que conforman o traballo foron recuperadas pola Fundación Reveriano Soutullo e a maior parte delas é a primeira vez que se gravan, polo que o disco supón unha nova contribución á divulgación da historia musical de Galicia, así como ao coñecemento do compositor galego.

Materiais e espazos de divulgación
“Desde a Xunta de Galicia –concluíu o secretario xeral– seguiremos apoiando a aparición destes materiais e de espazos de divulgación como o que hoxe inauguramos, imprescindibles para favorecer os estudos arredor dos nosos compositores históricos e o seu coñecemento e aprecio social”.

Ao remate do acto de inauguración das xornadas, no que tamén interviñeron o presidenta da Fundación Reveriano Soutullo, María Rosa Arija; e o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, o pianista Alejo Amoedo interpretou algunhas pezas de Soutullo.

Deja un comentario