+034 986 09 02 04 Mércores 13 de Novembro de 2019

O concello de Ponte Caldelas pon nas mans da Garda Civil a investigación do acto vandálico que destrozou sete bancos de pedra en Carreira Ancha (A Insua)


Tamén causaron graves desperfectos en contedores de Chaín e espallaron lixo polos arredores

O Concello de Ponte Caldelas puxo en mans da Garda Civil a investigación para determinar a autoría dos actos vandálicos que provocaron o destrozo de sete bancos na área recreativa de Carreira Ancha, na parroquia de A Insua. Os desperfectos realizados durante esta pasada fin de semana incluíron danos a contedores en Chaín e o espallamento de lixo polos arredores.

O alcalde Andrés Díaz Sobral sinalou moi afectado que “non imos tolerar que ninguén destroce o mobiliario público e dos veciños porque representa non só unha cuestión de incivismo e vandalismo senón un dano para a economía municipal xa que eses desperfectos teñen un custe económico que espero que teñan que asumir os autores do incidente”, sinalou o rexedor.

Os axentes da Policía Local de Ponte Caldelas levantaron atestado do sucedido e practicaron diferentes probas para axudar a determinar quen poido ser o autor ou autores deste acto de vandalismo. Asemade, a Garda Civil iniciou xa a investigación coa intención de dar co paradoiro dos responsables.

As forzas da orde, coordenadas en todo momento co alcalde, Andrés Díaz, están seguindo diversas liñas de investigación que relacionaría tanto os destrozos causados nos contedores de lixo en Chaín cos destrozos en Carreira Ancha, en A Insua.

“Non imos tolerar que no noso concello se actúe dese xeito que non é nin un modo de divertirse nin moito menos un comportamento que podamos consentir. Faremos todo o posible para que esto non se repita e estaremos moi atentos para que quen o fixo o pague”, sentenciou o alcalde Andrés Díaz.

O mobiliario urbano destrozado na área recreativa de Carreira Ancha, na Insua, fora recentemente utilizado polos membros das agrupacións que participaron na I Xuntanza Folck organizada pola agrupación Follas de Olivar e que tanto éxito tivo de público e de grupos asistentes como “Nós tamén imos”, “Pandereteiras de Regodobargo”, “Pandereteiras de Silvoso” e “Pandereteiras de Chaín”.

Deja un comentario