+034 986 09 02 04 Venres 14 de Decembro de 2018

A Xunta licita por 1,5 m€ os traballos para a elaboración do Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra, a folla de ruta que melllorará a calidade das augas


Este estudo permitirá analizar, planificar e proxectar as actuacións que deben acometer as administracións para garantir o saneamento da ría, priorizando a execución das máis urxentes

A Xunta de Galicia licita hoxe a través do Diario Oficial de Galicia (http://nubr.co/kGXL9w) o contrato por un importe de 1,5 millóns de euros para a elaboración do Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra, co obxectivo de analizar, planificar e proxectar as actuacións necesarias para mellorar a calidade das augas.

Con esta iniciativa, o Goberno galego quere establecer unha folla de ruta que determinará os pasos a dar polas distintas administracións para optimizar o funcionamento do sistema de saneamento dos concellos que verten á ría de Pontevedra e mellorar así o estado desta ría. Tal e como se recollo no prego do contrato, establécese un prazo de execución total de 36 meses. Non obstante, a medida que se vaia avanzando na súa elaboración, determinaranse as actuacións prioritarias e máis necesarias para mellorar a calidade da ría de Pontevedra e poderá iniciarse a súa execución, para acurtar prazos da súa posta en funcionamento.

Segundo os datos que manexa Augas de Galicia, a poboación total da conca do río Leréz, contando cos núcleos asentados nas marxes da ría de Pontevedra, ascende a uns 165.000 habitantes. Unha grande porcentaxe desta poboación concéntrase na desembocadura do río Lérez e en ambas marxes da ría quedando unha baixa densidade poboacional na zona interior.

As presións desta poboación nas marxes da ría, coas verteduras dos sistemas de saneamento e drenaxe como principal presión, inciden sobre as masas de auga, nas que se desenvolve un ecosistema de singular riqueza, no que teñen lugar actividades que causan un impacto decisivo no emprego e na economía de Galicia, como son o turismo e especialmente, o marisqueo.
A ría de Pontevedra está declarada como zona sensible, pola súa importancia estratéxica en relación ás actividades que se desenvolven nela. Esta declaración leva asociada uns maiores requisitos de calidade en comparación con outras rías de Galicia. Isto incide directamente na xestión dos sistemas de saneamento e das depuradoras que verten directamente sobre a ría, e neles hai que levar a cabo un control moito máis exhaustivo do que é habitual noutras zonas.

A experiencia das rías do Burgo e Arousa
Na actualidade é preciso mellorar a calidade das augas da ría de Pontevedra. O Goberno galego, que puxo en marcha a comezos da anterior lexislatura os plans de saneamento local das rías do Burgo e Arousa e que motivaron notables melloras na calidade das augas, considera que este instrumento é o máis axeitado para actuar na ría de Pontevedra.

Este plan de saneamento local é necesario para estudar o funcionamento actual dos sistemas de saneamento dos concellos que verten á ría de Pontevedra. A partires deste coñecemento da situación actual e da súa incidencia sobre a calidade das augas, os modelos realizados permitirán formular, de forma priorizada, actuacións concretas de mellora destes sistemas de saneamento, guiadas con criterios obxectivos de custo – eficacia.

A exhaustiva análise do comportamento dos sistemas de saneamento ante cada unha das accións concretas de mellora formuladas permitirá ter unha predición fiable da incidencia de cada unha delas na mellora da calidade da ría de Pontevedra.

O fin último deste traballo será establecer unha planificación detallada e xustificada das actuacións de optimización e mellora que hai que levar a cabo sobre os sistemas de saneamento da ría de Pontevedra para poder acadar uns estándares de calidade na ría acordes á súa declaración como zona sensible.

Máis de 40 millóns previstos
A Xunta de Galicia é, xunto co Estado, a administración que máis vén investindo na mellora das redes de saneamento e depuración dos concellos de Marín, Poio e Pontevedra, pese a que se trata dunha competencia municipal. Nos últimos anos realizáronse numerosas obras de mellora e ampliación da rede de colectores de saneamento destes municipios.

No rural de Marín os investimentos realizados supoñen máis de 2,3 millóns de euros, e a curto prazo executaranse catro millóns máis en actuacións xa identificadas para a mellora da rede xeral que suporán unha importante melloría da situación global do sistema.

En Poio as actuacións dos últimos anos en saneamento superan o millón de euros; mentres que en Pontevedra os investimentos da Xunta dos últimos anos para a ampliación e mellora da rede en poboacións rurais acadan os 4,6 millóns de euros.

Por outra banda, no 2015 aprobouse o programa operativo da Xunta para as actuacións cofinanciadas con fondos FEDER da Unión Europea. Neste programa prevese unha colaboración entre ambas as dúas administracións cifrada en máis de 40 millóns de euros, para solucionar os problemas de saneamento das poboacións da ría de de Pontevedra e a cunca do Lérez.

Estes investimentos poderanse empezarán a planificar co contrato que vai licitar a Xunta para redacción do Plan de Saneamento local da Ría de Pontevedra.

Oito fases de traballo
O desenvolvemento do Plan de Saneamento Local de Pontevedra conta con oito fases distintas de traballo.

 Fase I. Coñecemento do sistema actual de saneamento e drenaxe. Inventario do sistema. Localización dos puntos de vertido ao dominio público. Identificación de zonas marisqueiras e zonas de baño. Identificación de zonas de especial protección ambiental. Nesta primeira fase, preténdese coñecer coa maior exactitude posible, as características das diferentes redes de saneamento e inventarialas para plasmar todos os datos nun Sistema de Información Xeográfico (SIX).

 Fase II. Campaña de aforos de caudal e analíticas dos efluentes. Faranse campañas de aforos para coñecer o caudal real que circula polas redes de saneamento e coñecer a capacidade real das estacións de bombeo de augas residuais. Tendo en conta as especiais características da ría de Pontevedra e o seu carácter de zona sensible, será interesante tamén obter datos da calidades dos vertidos das redes de pluviais puras.

 Fase III. Modelo numérico da rede. Calibración. Preténdense modelizar numericamente as redes calibrando o modelo cos datos de aforo co obxectivo de que este modelos constitúan o elemento básico para o deseño das novas infraestruturas e estratexias de xestión.

 Fase IV. Avaliación do impacto dos alivios e vertidos. Modelo de calidade da auga na ría de Pontevedra. O obxectivo que se pretende acadar nesta fase é avaliar o impacto dos vertidos na ría de Pontevedra mediante a aplicación dun modelo de calidade de auga na ría.

 Fase V. Elaboración de propostas de actuación. O seguinte paso será propoñer as actuacións máis axeitadas derivadas da modelización das redes cos criterios das Instrucións Técnicas de Obras Hidráulicas de Galicia da Administración Hidráulica de Galicia e desenvolver as propostas de actuacións a un nivel suficiente para permitir á Administración Hidráulica de Galicia iniciar os trámites de consecución de terreos, autorizacións e demais que correspondan.

 Fase VI. Análise do sistema dende un punto de vista de sostenibilidade económica da xestión e explotación do mesmo. Elaborarase un documento no que se analicen os fluxos económicos de gastos (custe do mantemento e explotación do sistema nun ano medio, así coma de investimento a realizar) e ingresos derivados das taxas de saneamento de cada concello. Elaborarase un documento proposta de modelo de xestión económica do sistema co obxectivo de garantir a súa sostenibilidade ao longo da súa vida útil.

 Fase VII. Resumo final. Planificación de actuacións e valoración económica das mesmas a nivel de anteproxecto. Esta fase é o resumo das anteriores. Neste punto, deberase establecer os criterios de priorización das actuacións, entre os que se deberá incluír en calquera caso, o efecto ambiental e social da súa execución.

 Fase VIII. Tramitación da figura de planeamento. Tramitarse o plan de saneamento coma Plan ou Proxecto Sectorial para facilitar a súa aplicación práctica e compatibilizar as actuacións propostas cos distintos Planes Xerais de Ordenación Urbana e a lexislación urbanística galega

Deja un comentario