+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Xullo de 2019

Méndez e Loureiro recollen de mans de Rueda un novo vehículo para uso de Protección Civil de Mos


Trátase dun todoterreo tipo pick-up cedido ó Concello para optimizar a prevención de riscos e a conservación dos recursos naturais

O Alcalde P.D. de Mos, Alberto Méndez, a concelleira de Medio Ambiente e Emerxencias, Julia Loureiro, o coordinador do Servizo Municipal de Emerxencias, Rodrigo Iglesias, e un representante da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos, Víctor Moro, recolleron esta mañá en A Estrada de mans do vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, un novo vehículo tipo pick-up para uso de Protección Civil mosense.

Este vehículo tipo pick-up outorgado en concepto de cesión ó Concello de Mos pola administración autonómica forma parte dun total de 42 todoterreos deste modelo ós que podían optar os municipios galegos de menos de 50.000 habitantes, así coma mancomunidades ou agrupacións de concellos.

Esta subvención concedida pola consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia é cofinanciada pola Comunidade Europea a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Segundo declararon os representantes municipais, “coa incorporación deste novo vehículo ó parque móbil municipal lógrase unha mellora das infraestruturas e equipamentos de urxencias nos servizos municipais de Protección Civil e Emerxencias, para a protección e prevención de riscos no Concello de Mos”. Deste xeito espérase optimizar o labor da Agrupación mosense de Voluntarios de Protección Civil de Mos, que foi fundada no ano 2012 e a día de hoxe conta cun total de 29 integrantes, 4 mulleres e 25 homes.

Méndez e Loureiro destacaron por último que “a prevención de riscos é un tema prioritario para esta administración local, polo que celebramos enormemente poder contar cun recurso material máis, como é este novo vehículo todoterreo, para garantir a mellora, protección e conservación dos nosos recursos naturais, sempre incidindo no incremento da eficiencia enerxética”, concluíron.

Deja un comentario