+034 986 09 02 04 Luns 24 de Setembro de 2018

Augas de Galicia colabora nunha saída formativa ao río Gallo con alumnos do Centro Educativo de Cuntis


Trátase dunha iniciativa do programa Proxecto Ríos, que se desenvolve en colaboración con Adega, que constitúe unha ferramenta de educación ambiental para poñer en valor e aprender a convivir cos ríos, preocupándose polo seu estado desde nenos

Augas de Galicia colabora nunha saída formativa ao Río Gallo, que se celebrará hoxe mércores 21 de outubro entre as 10:30 e as 13:30 e na que participan un grupo de alumnos do Centro Público Integrado de Cuntis. Trátase dunha iniciativa enmarcada dentro do programa Proxecto Ríos, que se desenvolve en colaboración coa asociación ecoloxista Adega e que constitúe unha ferramenta de educación ambiental para poñer en valor e aprender a convivir cos ríos, preocupándose polo seu estado dende nenos.

O obxectivo é que os participantes coñezan mellor os problemas dos ríos promovendo o seu coidado, ao tempo que se goza dos contornos fluviais con responsabilidade. Durante estas actividades, os escolares percorren tramos do río, identificando as especies de vexetación e fauna de ribeira, e comprobando a calidade das augas con métodos sinxelos de análises; ao tempo que se lles explica aos alumnos cales son os indicadores máis importantes para comprobar o bo estado da auga e do ecosistema fluvial do río.

Estas actividades desenvólvense na primavera e no outono, para analizar indicadores biolóxicos que se empregan para avaliar a calidade das augas, dependendo do momento vital das especies animais e vexetais do cauce e de ribeira.

Mellora dos ríos
O Proxecto Ríos é unha iniciativa de Educación e Voluntariado Ambiental promovida por ADEGA e financiada por Augas de Galicia, que ten como finalidade dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.
O pasado mes de maio a Xunta e Adega renovaron esta colaboración para o coidado dos recursos fluviais galegos, co fin de desenvolver as actividades e actuacións planificadas para o ano 2015. Neste exercicio, o importe de colaboración da Xunta de Galicia ascende a 44.500 euros.

Cabe sinalar que a proposta de traballo do Proxecto Ríos, baséase na inspección das condicións ecolóxicas dos ríos, realizada por voluntarios locais responsables da vixilancia e protección do treito de río que seleccionan, mediante unha metodoloxía de observación sinxela e estandarizada de doada aplicación e desenvolvemento.

Co desenvolvemento do Proxecto Ríos achéganse os ríos e as súas bacías á poboación, a través de actividades de inspección, determinación do estado das súas augas, de xornadas formativas puntuais, xornadas de limpeza de ríos colectiva. O proxecto culmina no momento no que os voluntarios se responsabilizan da vixilancia de determinados tramos de río.

Deja un comentario