+034 986 09 02 04 Venres 06 de Decembro de 2019

O Concello de Mondariz inicia unha campaña animando ás persoas condutoras a estacionar correctamente


Desenvolverase ata o 30 de novembro ou ata o segundo aviso. Logo aplicaranse as multas pertinentes

O Concello de Mondariz, a través da Policía Local, porá en marcha a partires de hoxe unha campaña para incentivar ás persoas condutoras de vehículos a motor a estacionar correctamente. Os problemas de estacionamento na vila prodúcense a diario e, especialmente, os domingos coincidindo coa feira semanal, cando moitos condutores/a procuran estacionamento para os seus vehículos en calquera lugar, mesmo sobre as beirarrúas e os pasos de cebra.

A partires de hoxe e ata o 30 de novembro a Policía Local colocará a diario sobre os parabrisas dos vehículos mal estacionados un aviso advertindo que, logo da segunda notificación, as persoas propietarias serán sancionadas. Vixiarase para que se respecten as prazas reservadas para os minusválidos, as zonas de carga e descarga, os pasos de peóns, ….. O alcalde do concello, Xoán C. Montes Bugarín, afirmou que “a campaña informativa que inicia o concello mondaricense non ten unha finalidade recadadora, senón que procura sensibilizar a todas as persoas que conducen vehículos a motor coa necesidade de respectar as normas de tráfico. Cumprilas é bo para todos e todas, para os condutores e para os peóns” concluíu.

O Concello de Mondariz quere recordar que o respecto polas normas de circulación, en especial as que regulan o estacionamento, é a base para garantir a fluidez do tránsito e a seguridade vial na vila, algo que redunda en beneficio de todos e todas, en especial das máis vulnerables: persoas maiores, nenas e nenos e persoas con mobilidade reducida.

Deja un comentario