+034 986 09 02 04 Martes 18 de Febreiro de 2020

Máis de 400 persoas asisten á charla preparatoria ante as posibilidades de empregabilidade abertas tras o convenio do concello de Ponte Caldelas con Orbe e Aludec


Impartida por un técnico de Randstad, empresa especializada en selección de persoal e recursos humanos, analizarou a importancia da formación e da aptitud ante unha entrevista de traballo

Máis de 400 persoas ateigaron por completo o salón de actos do colexio Cordo Boullosa para asistir á charla informativa, ofrecida por técnicos de Randstad a instancias do Concello de Ponte Caldelas, ante as vindeiras contratacións que se levarán a cabo o ano que ven na conserveira Orbe e na empresa de compoñentes do automóbil Aludec, entre outras.

No inicio da charla, o alcalde e o equipo de goberno anunciaron que o Concello de Ponte Caldelas organizará, para mediados do vindeiro mes de novembro, un curso gratuíto de manipulador de alimentos, dotado dunhas 70 prazas, xa que este é un requisito obrigatorio que esixe a conserveira Orbe para poder incorporarse á súa plantilla. “O motivo desta charla é ofrecer a todo o mundo unha igualdade de oportunidades. Á empresa só lle pedimos que se tivera en conta unha cousa: a antigüidade no censo para evitar que persoas doutros lugares, que agora se están a empadroar apresuradamente, incluso do Rosal, non usen a picaresca”, dixo o alcalde Andrés Díaz.

ANDRÉS DÍAZ: “O CAMIÑO ESTÁ ABERTO, IGUAL PARA TODOS. AGORA SÓ NOS QUEDA DESEXAROS SORTE A TODOS”

“A selección vaina facer unha de traballo temporal. Nós o único que demandamos é un sistema transparente, claro e imparcial onde se podan beneficiardesta oportunidade de atopar traballo tódalas familias con persoas en paro do noso municipio. Cremos que deste xeito se garantiza un proceso aberto e obxectivo, que levará a cabo unha ETT, que terá como punto de referencia e por igual aos currículos de tódalas persoas que os depositaron no Concello. O camiño está aberto, igual para todos, só nos queda desexaros sorte a todos”, manifestou Andrés Díaz.

A continuación tomou a palabra un técnico de Randstad, empresa especializada en selección de persoal e en recursos humanos, que proxectou un vídeo introdutorio sobre a importancia das novas tecnoloxías, a formación e a capacitación profesional para poder optar ao mercado laboral. Tamén incidiu sobre o modo de facer un currículo eficiente e que aporte a maior información ao entrevistador dun xeito ordenado e axeitado. Finalmente, abordou a importancia da entrevista persoal, a linguaxe xestual e as mensaxes que coas nosas actitudes temos que presentar ante unha situación destas características.

O alcalde e o equipo de goberno valoraron moi positivamente a gran afluencia de público e sinalaron que “tamén da boa idea da importancia que ten para nós e para o conxunto da sociedade o levar a cabo políticas de fomento de emprego para poder dar resposta a tanta xente e tantas familias que están hoxe aquí buscando unha oportunidade para ter unha vida digna para eles e os seus seres queridos”, indicou Andrés Díaz.

Deja un comentario