+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Decembro de 2019

O Concello abre o prazo para a contratación do cambio de material de cubrición da nave de Pescadoira


A partir de mañá e durante vinte e seis días naturais poderanse presentar as ofertas para participar na oferta de contratación da obra de cambio de material de cubrición da nave de deportes náuticos de Pescadoira con cargo ao PPOS 2015.
As ofertas deberanse presentar no Rexistro Xeral cunha declaración responsable e un sobre pechado coa oferta económica, a cal se deberá adaptar ao presuposto de 73.583 euros nos que está orzamentada a obra. O proxecto inclúe a retirada da actual cuberta, debido ao mal estado da actual, e a substitución por unha nova de panel sándwich e con novas baixantes de aluminio. Tamén se dotará á nave de iluminación natural interior.
Esta obra vai mellorar amplamente as condicións da nave de Pescadoira a que, por outra banda, a finais de maio o Concello tamén recibiu a concesión por parte do Ministerio de Agricultura para a súa rehabilitación completa. En concreto, o executivo buenense móstrase satisfeito xa que a nave de deportes náuticos vaise remodelar e acondicionar para utilizala como almacén, taller de embarcacións e práctica de remo, así como para outras actividades vinculadas con este deporte, e que será un bo complemento á rehabilitación do estaleiro de Purro, na Banda do Río, dous proxectos estratéxicos para o goberno de Juncal nesta lexislatura.

Licitación do aluguer dun local para destinar a oficina municipal
Por outra banda, a partir de mañá tamén se abre o prazo durante dez días naturais para a presentación de ofertas para aluguer dun local para destinar a oficina municipal, en concreto para relocalizar o departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM). O Concello licita por terceira vez este contrato xa que, aínda que non se conseguiron ofertas nas convocatorias anteriores, o executivo ten constancia de que hai persoas interesadas en presentarse desta volta. Así, o custe do local será de 550 euros mensuais e as características técnicas establecen que debe estar situado en planta baixa, cunha superficie útil mínima de 200 metros cadrados e distante do Concello como máximo 200 metros.
Na adxudicación valoraranse a menor necesidade de realización de obras de acondicionamento, as condicións e características do inmoble e a localización do local.

Deja un comentario