+034 986 09 02 04 Luns 10 de Decembro de 2018

Unhas 150 persoas concéntranse na Alameda de Ponte Caldelas en repulsa polo asasinato machista de Conchi Reguera convocadas pola Asociación de Mulleres Rurais do Verdugo


A presidenta do colectivo feminino e o alcalde, Andrés Díaz, leron varios comunicados de condea da violencia de xénero

Pese á intensa chuvia, unhas 150 persoas convocadas pola Asociación de Mulleres Rurais do Verdugo concentráronse na Alameda de Ponte Caldelas como acto de repulsa polo asasinato machista de Conchi Reguera ocorrido recentemente en Ponte Sampaio. A concentración de protesta contou coa presenza do alcalde, Andrés Díaz Sobral, concelleiros do PSdeG-PSOE, do Partido Popular, AVP e BNG que asinaron un comunicado institucional conxunto.

As persoas concentradas lucían un lazo violeta como xeito de reivindicar o papel da muller na nosa sociedade e como repulsa polo asasinato de Conchi Reguera, quen fora durante unha etapa da súa vida residente no municipio de Ponte Caldelas.

O acto comezou coa intervención, en nome da Asociación de Mulleres Rurais do Verdugo, de Mari Carrera quen condeou este execrable crime ao tempo que fixo un repaso pola estatística mortal que acompaña este ano á sociedade española composta por mulleres vítimas da violencia machista. Tamén denunciou á marxinación que sofren as mulleres, os atentados sexistas, lembrou ás nenas vítimas da mutilación xenital e dos milleiros de agresións físicas e psíquicas que se producen contra a muller en todo o mundo. Carrera reivindicou o papel da educación e das novas xeracións para erradicar esta lacra.

A continuación tomou a palabra o alcalde de Ponte Caldelas quen pasou a ler unha declaración instuticional da Corporación Municipal na que se condea o asasinato e sinala que “erguermos a nosa voz de rexeitamento da violencia contra das mulleres, en tódalas súas facetas, como un claro atentado contra os Dereitos Humanos que impide que a nosa sociedade avance polo camiño da igualdade e o benestar común. É un mal que non distingue fronteiras, culturas, niveis económicos, nin idades. Non é un problema particular e individual da muller ou da familia que a padece, non pode ser considerado en ningún momento como un problema exclusivo da esfera ou do ámbito do privado. É cousa de todos nós, de toda a sociedade, e por elo temos que respostar dun xeito claro e contundente, cun rexeitamento activo e comprometido”.

O alcalde renovou públicamente o compromiso do seu goberno e de toda a Corporación aprol de “seguir apostando por iniciativas que doten ás mulleres, especialmente ás máis novas, dos recursos necesarios que promovan o seu empoderamiento. Tamén impulsaremos accións dirixidas ao ámbito educativo de prevención e sensibilización da violencia de xénero a fin de previr comportamentos sexistas e loitar contra as microagresiones machistas cotiás tal e como prevé o Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades 2014-17 que continúa activo no noso Concello”.

Finalmente, o alcalde fixo un chamamento a tódolos veciños e veciñas de Ponte Caldelas a unirse á TOLERENCIA CERO coa violencia machista en calquera das súas manifestacións e a ser parte activa da solución dun problema que xa ten causado demasiadas vítimas na nosa sociedade. Temos que lembrarlles que non están soas e que xuntos poremos fin a esta lacra inxusta que xa dura demasiado”, rematou Andrés Díaz.

Deja un comentario