+034 986 09 02 04 Luns 11 de Novembro de 2019

O concello suspende provisionalmente a licitación das obras de sinaléctica


O Departamento de Secretaría do Concello de Bueu decidiu suspender momentáneamente a licitación da obra da primeira fase de sinaléctica en diferentes lugares das parroquias buenenses. O motivo desta suspensión é dispoñer de máis tempo para que “queden resoltas de maneira clara, rigorosa e detallada a totalidade das dúbidas técnicas plantexadas respecto ao subministro e instalación dos mesmos” tal e como establece o anuncio colgado na sección do Perfil do contratante da páxina web municipal. Debido a que o prazo de presentación de ofertas era de oito días naturais a contar desde o venres, non daba tempo a solucionar dúbidas e presentar ofertas por parte das empresas. Por iso, tan pronto como se solucione esta situación, procederase a convocar de novo ás empresas convidadas e a subir o anuncio da licitación.
Estas obras, que contan cunha subvención de 40.000 euros con cargo ao Plan Urxente de Mantemento de Infraestruturas Municipais (PUSIM 2014), inclúen a colocación de sinais para identificar rúas ou avenidas polos seus nomes, ou lugares e parroquias que aínda non o teñen e dos que urxe a súa sinalización. En concreto, e tal e como se reflicte no proxecto técnico, identificaranse 53 lugares cun total de 105 sinais en dezanove sitios da parroquia de San Martiño de Bueu, dezaoito en Cela, catorce en Beluso, un en Ermelo e outro na Illa de Ons, cuxas ubicacións exactas de poden consultar no proxecto subido á web do Concello.

Deja un comentario