+034 986 09 02 04 Luns 17 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A figura do Gaiteiro de Campañó protagoniza a clausura do ciclo de concertos ‘Espazos Sonoros’


O Sexto Edificio do Museo acolle a presentación dun libro sobre Xan Tilve a cargo de Xavier Groba e un concerto de Óscar Ibáñez Trío

O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acolleu a presentación dun libro disco sobre Xan Tilve, coñecido como o Gaiteiro de Campañó, e un concerto de Óscar Ibáñez Trío, na que supuxo a xornada de clausura do ciclo de concertos ‘Espazos Sonoros’. Deste xeito, o Museo provincial únese ao circuíto de lugares singulares que forman parte do patrimonio galego nos que se viñeron celebrando as xornadas deste ciclo. Concretamente na provincia de Pontevedra, o itinerario incluíu lugares emblemáticos como o Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro en Silleda, o Mosteiro de Santa María de Aciveiro en Forcarei, a Igrexa de Santa Liberata en Baiona, e a Sala Nobre do Museo Massó en Bueu.

O Sexto Edifico do Museo foi o espazo escollido para a clausura do ciclo atendendo á figura de Filgueira Valverde como homenaxeado no Día das Letras Galegas, como impulsor da creación do Museo de Pontevedra, do que foi director entre os anos 1940 e1986, e polo seu importante labor na conservación e difusión do patrimonio musical galego, no que destaca a organización e publicación do ‘Cancioneiro Musical de Galicia’, compilado por Castro Sampedro. Neste traballo sobresae o papel do gaiteiro Xan de Campañó como figura emblemática na zona do sur de Pontevedra, por ser o gaiteiro das marchas de procesión do Corpus.

Ademais, é o propio Filgueira Valverde, no ano 1947, o que promove a gravación documental da marcha do Corpus tocada polo gaiteiro de Campañó comentada ao vivo por el mesmo, nun disco que se conta entre os fondos documentais do Museo. Tamén foi o propio Filgueira o que se encarga de recoller e gardar no Museo a gaita do músico tras a súa morte, dous anos despois. Da compilación e restauración destes materiais etnomusicais, realizado por Ramón Piñeiro, nace un libro disco que vén de editar a Central Folque e que é o que esta tarde presentou Xavier Groba, estudoso e gran coñecedor dos fondos musicais da Colección Castro Sampedro e do papel da Figura de Filgueira na súa divulgación.

A presentación do libro disco completouse coa actuación do gaiteiro Óscar Ibáñez que interpretou, coa gaita orixinal de Xan Tilve, as pezas das antigas gravacións, acompañado de tambor e bombo ao xeito das formacións típicas daquel tempo.

Deja un comentario