+034 986 09 02 04 Domingo 05 de Xullo de 2020

A Xunta mantén unha xuntanza cos representantes do consello galego de Economistas e Titulados Mercantís


No encontro, os representantes dos colexios profesionais trasladáronlle ao vicepresidente a situación na que se atopa o proceso de fusión que a nivel autonómico está a desenvolverse entre ambos os colectivos

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo unha xuntanza cos representantes dos nove colexios profesionais galegos de Economistas e de Titulados Mercantís, nun encontro que tivo como obxecto impulsar o proceso de fusión que a nivel autonómico está a desenvolverse entre ambos colectivos

Os representantes dos colexios profesionais trasladáronlle ao vicepresidente a situación na que se atopa actualmente o proceso de fusión, e entregáronlle unha Memoria Xustificativa do proceso e dos acordos de fusión que as respectivas asembleas dos nove colexios profesionais, reunidas en convocatoria extraordinaria, alcanzaron semanas atrás.

Devanditos acordos haberán de cristalizar nos próximos meses na promulgación da definitiva Lei de Unificación por parte do Parlamento de Galicia, culminando deste xeito un proceso de unificación que xa completaron Comunidades Autónomas como País Vasco, A Rioxa, Navarra, Castela-A Mancha, Murcia ou Cataluña.

A fusión de economistas e titulados mercantís iniciada no ano 2011 coa unificación dos de Consellos Xerais de ambas as corporacións ten a finalidade de agrupar nun só colectivo a aqueles profesionais que historicamente viñeron desenvolvendo unha actividade similar no ámbito da economía e da empresa, e que, ademais, teñen recoñecidas as titulacións como equiparables, unha vez superadas as esixencias dos novos plans de estudo establecidas no Plan Bolonia.

O obxectivo non é outro que a contribución á mellora da articulación da representación e da defensa dos intereses do colectivo, contribuíndo ao desenvolvemento da sociedade en xeral, da empresa en particular e, sobre todo, beneficiando tanto aos colexiados como aos destinatarios dos seus servizos, ao homoxeneizar a oferta e reforzar a transparencia na contratación dos profesionais da economía. Traducindo a unificación de ambas as agrupacións en cifras, a nivel nacional supón un colectivo de preto de 70.000 membros, mentres que en Galicia superaranse os 5000 profesionais da economía.

Deja un comentario