+034 986 09 02 04 Venres 10 de Abril de 2020

Mondariz rende homenaxe a Luís Soto, mestre republicano e galeguista


Exerceu o seu maxisterio entre 1934 e 1936 e fuxiu a Portugal disfrazado de crego coa axuda da veciñanza

O Concello de Mondariz plantará na praza da vila este domingo, día 8, un tileiro na memoria do mestre republicano e galeguista Luís Soto. Mestre en Mondariz desde o ano 1934, onde destacou polo seu activismo social e a súa pedagoxía, en liña coa Institución Libre de Enseñanza, o golpe militar de 1936 converte a Soto nun proscrito obrigado a se agochar para non ser asasinado. De agosto do 36 a abril do 37, Soto sobrevivirá en Mondariz agochado “en covas e palleiros”, segundo as súas propias verbas. Sabedor da súa sentencia de morte, Soto é protexido pola irmá do crego, polos mestres Julia Labaca e Antonio Cubelas e mais polo médico D. Lino Troncoso ata que chega a Mondariz a súa irmá Marina cun frade ourensán co que fuxe disfrazado de franciscano ao Convento ponteareán de Canedo.

No mes de xullo de 1937 consegue cruzar a fronteira portuguesa, o que lle permite embarcar rumbo á cidade francesa de Burdeos onde atopa a solidariedade da Embaixada española. De Francia pasa á Catalunya republicana, e de alí a Valencia, sede do goberno lexítimo e democrático presidido por Casares Quiroga. Con Alfonso R. Castelao, o mestre iniciará unha xira por América recabando fondos para a República, participando en actos públicos dirixidos aos emigrantes galegos en Arxentina, Cuba ou EEUU. Curiosamente nese país Castelao e Soto contratan os servizos dunha intérprete, María Docampo, natural de Oleiros que, sen eles sabelo, pasaba informes da actividade dos dous galegos á mesmísima CIA. Esta historia, merecedora dunha película, xa foi levada ao teatro polo dramaturgo Manuel Guede en 2102, que dirixiu A Función do Tequila (Premio Rafael Dieste 2011) baseándose na historia de Docampo.

Luís Soto pasou a meirande parte da súa vida no exilio, en México, onde foi secretario do Padroado da Cultura Galega. Pero a máis relevante obra en pro da cultura galega de Luís Soto no exilio foi a edición da revista Vieiros. Nela atopamos a participación das máis importantes plumas literarias do noso país naquel momento: Ramón Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Blanco Amor, Xosé Luis Méndez Ferrín, Luis Seoane, Valentín Paz Andrade, Francisco Fernández del Riego, Fermín Bouza Brey, Rafael Dieste, Xesús Alonso Montero, o musicólogo Xesús Bal y Gay, Xosé Neira Vilas, Manuel María, Álvaro Cunqueiro, e un longuísismo etcétera.

No ano 1978 Luís Soto regresou a Galicia e visitou os amigos e amigas de Mondariz que o axudaran a salvar a vida acompañado da fotógrafa catalana Anna Turbau, que inmortalizou aquel momento histórico. As fotografías tomadas aquel día van ser exhibidas no Centro Social a partir do vindeiro domingo día 8.

Programa de actos a desenvolver o domingo día 8:

– 16:30 h: recepción de convidados e convidadas na Casa Consistorial para asinar no Libro de Honra do Concello.

– 17 h: na praza, intervencións públicas de Xosé González Martínez (presidente do Foro Peinador), Xurxo Martínez (biógrafo de Luís Soto), Anna Turbau (fotógrafa), Ramón Villares (Presidente do Consello da Cultura Galega e Catedrático de Historia Contemporánea) e Sara Feijóo Soto (mestra xubilada e sobriña do homenaxeado). Plantación dun tileiro na praza e descubrimento dunha placa conmemorativa.

– 17:30 h: visita guiada á exposición fotográfica de Anna Turbau titulada: Luís Soto en Mondariz, aberta no Centro Social.

Deja un comentario