+034 986 09 02 04 Martes 18 de Decembro de 2018

O concello de Bueu agarda aprobar provisionalmente o Plan Xeral antes de fin de ano


O informe de Patrimonio que estaba pendente para proceder á aprobación provisional do PXOM do Concello de Bueu está case listo, e será enviado na vindeira semana. Así o puideron coñecer de primeira man o alcalde de Bueu, Félix Juncal, e o concelleiro de urbanismo, Martín Villanueva, na reunión mantida na mañá de hoxe na sede de San Caetano, co Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez e coa Directora de Patrimonio, María del Carmen Martínez.
Coa chegada deste informe, do que o conselleiro e a directora xa adiantaron que será favorable aínda que cunha serie de cuestións a ter en conta, o Concello poderá darlle luz verde e proceder á aprobación provisional do plan antes de fin de ano, tal e como destacou o alcalde de Bueu. Ademais, tamén nas vindeiras semanas se agarda a chegada da memoria ambiental, outro dos documentos que faltan para que se leven a cabo os trámites de aprobación, incluíndo xa as respostas ás alegacións durante o período de exposición pública.
Unha vez que se aprobe o plan provisionalmente, será enviado ao departamento de urbanismo da Xunta de Galicia, que será o encargado de aprobalo definitivamente e de proceder á súa publicación, momento a partir do cal entrará en vigor. Juncal mostrouse satisfeito tras o resultado desta reunión, e adiantou que se baralla marzo para que Bueu conte xa cun novo plan tan agardado por todos, e que se atrasou debido á falta destes dous informes.

Deja un comentario