+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Carmela Silva anuncia que o concello de O Porriño contará con máis dun millón de euros de axudas da Deputación


A Presidenta da Deputación, no encontro coa alcaldesa Eva García, asegura que no plan de infraestruturas terase en conta as peticións do concello

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou hoxe na súa visita ao concello de O Porriño que esta institución recibirá máis dun millón de euros de axudas para o ano 2016. Silva informou así a alcaldesa, Eva García, do novo “Plan Concellos 2016” sobre o aumento das partidas económicas para cada un dos concellos da provincia.
En concreto, Carmela Silva, subliñou que a cantidade de O Porriño será de 1.014.003,36 euros para o ano 2016, fronte os 757.924,90 recibidos no 2015. A Presidenta destacou que neste novo plan se aumentan a partida total en dez millóns e se inclúe a partida de 6 millóns de euros “que o anterior presidente repartía o seu gusto”, “co cal aumentamos en 16 millóns o diñeiro que transferimos aos 60 concellos da provincia”.
Isto suporá que os concellos recibirán entorno ao 30 por cento máis das cantidades que ate de agora percibían da Deputación. Neste mesmo aspecto, a Presidenta destacou que agora será O Porriño quen decida, con este novo fondo, que inversións e proxectos porá en marcha o longo do próximo ano.
A alcaldesa pediulle á Carmela Silva actuacións sobre varias estradas provinciais, que demandan arranxos urxentes polo seu abandono, ao que a Presidenta comprometeuse a ter en conta as peticións de O Porriño no futuro plan de infraestruturas que vai poñer en marcha a institución provincial.
Carmela Silva tamén anunciou o estudo, por parte do ORAL, da posibilidade de aprazamento ou fraccionamento do pago dos impostos municipais para aquelas persoas en situación económica desfavorable, unha vez que exista un informe dos técnicos do propio concello ao respecto.
Ante o conflito surxido en máis de corenta vivendas que pasaron a pagar o imposto de bens inmobles de O Porriño ao concello veciño de Mos, a Presidenta comprometeuse a facer algunha xestión ante o servizo de catastro pero sempre dende o máximo respecto as competencias de cada administración e dun xeito “de constante diálogo entre todos os implicados”.
Pola súa parte, a alcaldesa de O Porriño agradeceu a visita pero, sobre todo, a nova política ao fronte da institución provincial da que asegurou que “agora vemos a Deputación como de todos nos e non so do Partido Popular”.
Por último, Carmela Silva subliñou que O Porriño é un exemplo de como varias forzas políticas poden gobernar en conxunto cando teñen un obxectivo claro como é a mellora dos seus veciños e veciñas.

Deja un comentario