+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018

O concello de Lalín recibirá medio millón de euros máis da Deputación cos novos criterios de reparto de fondos


O Plan de Concellos do organismo provincial contempla para o próximo ano unha achega de case 1,7 millóns de euros, fronte aos preto de 1,2 que recibiu en 2015

Lalín recibirá o vindeiro ano un total de 1 millón 690 mil euros da Deputación provincial con cargo ao Plan de Concellos 2016. Esta cantidade supón unha achega de medio millón de euros máis con respecto aos fondos que recibiu o municipio por concorrencia en 2015, cando o reparto foi de 1 millón 192 mil euros. Desta maneira queda demostrado con números que os novos criterios de reparto de fondos que vén de marcar o organismo provincial -máis obxectivos e equitativos- favorecen de forma clara ao Concello de Lalín, tal e como xa se afirmou a semana pasada dende o Goberno municipal.

Os fondos que pensa destinar a Deputación a Lalín durante o vindeiro ano -eses 1,7 millóns de euros- pódense repartir como considere o Goberno municipal en función das necesidades do Concello, axustándose, en todo caso, ás seguintes porcentaxes máximas:
-Un 15 por cento para amortización e pagamento de débeda.
-Un 3,75 por cento para actividades municipais
-Un 22,50 por cento para emprego para conservación e funcionamento de bens e servizos.
Para investimentos non se limita a porcentaxe máxima de fondos que se pode destinar, co cal toda a cantidade podería ir destinada a este capítulo. En todo caso, o Goberno municipal analizará agora polo miúdo cales son as necesidades do concello e decidirá o seu reparto en función das prioridades do municipio.

A maiores, o Concello poderá seguir recibindo as subvencións culturais, sociais, deportivas, turísticas e de calquera outra índole, que a Deputación tramitará agora, na súa totalidade, polo sistema de pública concorrencia, desaparecendo as subvencións nominativas ao seren contrarias á lexislación vixente.

Tras ter coñecemento das cantidades que destinará a Deputación o vindeiro ano ao Concello, o Goberno municipal amosou a súa satisfacción por uns criterios que consideran que fan xustiza con unha vila como a de Lalín, cun importante peso na configuración da provincia de Pontevedra. Ao igual que fixo a semana pasada, o alcalde valorou de forma moi positiva uns baremos que considera “obxectivos, xustos e transparentes, que dan boa mostra dun novo xeito de facer as cousas na Deputación”. Rafael Cuíña apuntou que estas cifras “demostran que se acabaron os tempos nos que os cartos públicos se repartían en función das manías persoais e políticas do presidente de quenda”.

Por outra banda, e abundando nesta mesma liña, o tenente de alcalde salienta “a desaparición do 20 por cento de libre disposición, que agora se repartirá de forma transparente e non con criterios partidarios”. Nicolás González Casares insiste en que o Plan Concellos 2016, da Deputación Provincial, supón unha clara mellora para os municipios, tanto dende o punto de vista económico como desde o da equidade, xa que suporá un incremento das subvencións e o importe fixo destas será moi superior para todos os concellos.

Deja un comentario