+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Xosé Leal destaca a promoción e difusión da cultura de calidade e en galego do Culturgal


O deputado de Cultura subliña a aposta da Deputación por introducir aos concellos neste evento e por poñer en valor a súa oferta cultural

“Nesta edición do Culturgal apostamos por contar cun espazo no que amosaremos a cultura que se fai desde os concellos, difundindo a súa programación cultural, nunha experiencia que esperamos manter en anos vindeiros” afirmou o deputado de Cultura, Xosé Leal, na súa intervención durante a presentación do Culturgal 2015. Leal fixo fincapé no apoio do ente provincial á Feira das Industrias Culturais e fundamentou a colaboración da presente edición na premisa de que “a cultura ten que ser unha industria potente, que debe vertebrar non só a provincia de Pontevedra senón a todo o país”.
O deputado de Cultura subliñou a promoción e difusión que esta feira fai “da cultura de calidade e en galego” e asegurou que “en vindeiros anos, se a feira sigue medrando tamén seguirá medrando a nosa colaboración”. O espazo da Deputación de Pontevedra no Culturgal dará cabida á oferta cultural dos concellos da provincia, ao tempo que servirá de escaparate da actividade da área de Cultura, centrada no Museo provincial e no servizo de publicacións da Deputación.
Ademais, a Deputación de Pontevedra produce a exposición ‘Somos Espazo’ , na que participan 22 artistas con obras que abordan a simbiose creativa entre arte e arquitectura e que está comisariada por Antón Sobral e Paula Cabaleiro. Continúase así coa aposta expositiva a nivel artístico que se iniciara o ano pasado, introducindo a novidade de que nesta edición a mostra permanecerá aberta ata o 10 de xaneiro de 2016, ampliando o período de exposición e superando o marco temporal da propia feira.
O Culturgal, que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra entre os días 4 e 6 de decembro, foi presentado esta maña en rolda de prensa para dar a coñecer as principais novidades da edición deste ano. No acto de presentación participaron o presidente de Culturgal, Manuel Bragado, o director da Feira, Xosé Aldea, e representantes das institucións que apoian a Feira, Anxos Riveiro, concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, e Xosé Leal, deputado provincial de Cultura.
Manuel Bragado referiu as principais novidades da Feira, entre as que destacou a participación dos concellos da provincia por primeira vez, grazas ao espazo da Deputación, indicando a importancia de “achegar ao público tamén a cultura local, e alimentando a idea da relación entre cultura e turismo”. Bragado definiu o Culturgal a través de tres palabras “entusiasmo, diversidade e orgullo”, vinculándoas á riqueza de ofertas e de públicos e ao orgullo colectivo ao que fai referencia o lema elixido para a presente edición ‘presume de Culturgal’.
Xosé Aldea, pola súa banda, destacou a gran demanda de expositores deste ano que derivou en que se incrementase a superficie da Feira nun 25% e se deseñase un percorrido circular. A Feira manterá os prezos das entradas da pasada edición, 2 euros para público adulto e 1 euro para nenos de 3 a 12 anos, incorporará unha ‘bebeteca’, e unha serie de descontos en 40 establecementos hostaleiros da cidade de Pontevedra, que contarán cun distintivo de ‘establecemento colaborador co Culturgal’.
A concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, fixo fincapé nesta iniciativa para que a hostalaría da cidade participe deste fluxo de público, ao tempo que destacou a participación do concello na Feira para actuar como “escaparate da cultura que se está a realizar na cidade, porque nós tamén queremos presumir da creatividade das industrias de Pontevedra”.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, tamén quixo referirse ao potencial do Culturgal como escaparate da cultura ao redor do idioma galego, e asegurou que a Feira se foi consolidando e asentando grazas “a que as institucións públicas, o asociacionismo cultural e a industrias traballaron en obxectivos converxentes”.

Deja un comentario