+034 986 09 02 04 Martes 24 de Abril de 2018

O alcalde da Lama ofrece a máxima colaboración ao director do colexio para instalar medidas de seguridade que impidan novos roubos e desfeitas no centro educativo


Jorge Canda asistirá o vindeiro luns a unha reunión coa comunidade educativa e trasladará á Consellería de Educación a petición de axuda para resolver este problema

O alcalde da Lama, Jorge Canda, ofreceu ao director do colexio a máxima colaboración do Concello no tocante á procura de solucións aos últimos roubos e desfeitas que se efectuaron no centro educativo e que a comunidade escolar cifra en máis de 12.000 euros.

Jorge Canda trasladará á Consellería de Educación a necesidade de habilitar medidas de seguridade que sirvan de disuasión aos autores destes actos vandálicos e ofrecerá a máxima disposición do Concello a colaborar para atopar unha fórmula adecuada para evitar novos episodios deste tipo.

Por outra banda, o alcalde confirmou a súa asistencia a unha reunión convocada pola comunidade escolar, para o vindeiro luns ás 16:30 horas no colexio, a través da cal se dará boa conta aos pais dos danos ocasionados e das xestións que se están poñendo en marcha para evitar estes actos vandálicos.

Operarios municipais realizarán diversos traballos de substitución de paneis rotos nos teitos de varias aulas, así como labores de consolidación dalgún dos elementos que sufriron desprazamento e torsión por parte dos asaltantes.

Jorge Canda manifestou que para o seu goberno a educación dos nenos e nenas do municipio é unha prioridade polo que condena taxativamente actos como os sufridos polo colexio da Lama. “Actuaron con saña, con odio e desde logo con gañas de facer mal. Non só roubaron varios aparellos senón que tamén produciron desfeitas intolerables como nun gran televisor instalado na Biblioteca, material audiovisual, computadores, etc. Non imos consentir que vos autores destes feitos tan graves campen as súas anchas”, sinalou o alcalde da Lama.

O rexido tamén se dirixiu ás forzas e corpos de seguridade do estado co fin de que redobren os seus esforzos para localizar aos autores destes roubos e desfeitas co fin de que pronto poidan responder das súas actuación ante os tribunais de xustiza.

“Para nós a educación dous rapaces é prioritario. Non imos escatimar esforzos para evitar que isto se volva a repetir e aquí tense que implicar a Consellería de Educación que sabe que conta co apoio do Concello e dá comunidade educativa”, sinalou Jorge Canda quen lembrou o apoio económico que o Concello destina tanto ao ANPA como ao propio centro educativo para facilitar o acceso de todos os nenos ás actividades extraescolares así como no coidado e mantemento das zonas verdes, arranxos nas aulas, etc.

Deja un comentario