+034 986 09 02 04 Mércores 24 de Xaneiro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Os orzamentos da Deputación outorgan por fin ao Grove unha dotación baseada en criterios obxectivos e equitativos


Para o ano 2016 destínanse ao Grove máis de 720.000 euros, o que supón un incremento de máis do 28% con respecto ao percibido en 2015

A presidenta da Deputación de Pontevedra ven de informar ao Concello do Grove dos criterios para a designación de recursos nos orzamentos provinciais dentro do denominado Plan de Concellos 2016. Deste xeito, e segundo se constata dende este organismo o criterio de reparto susténtase en que o 40% é unha contía similar para tódolos concellos e o 60% restante se determina en función de criterios obxectivos: poboación, núcleos, superficie…

Debemos ter en conta que os fondos totais de reparto dispoñibles vense incrementado grazas á eliminación dos fondos de libre disposición que se manexaban dende a presidencia da Deputación de Pontevedra e que supoñan o 20% dos orzamentos totais do ente.

A suma destes dous elementos (aplicación de criterios obxectivos e eliminación de fondos de libre disposición) supón que ao Grove lle correspondan 721.204,25 euros o que supón un notable incremento fronte aos 559.745,15 euros do ano 2015. Segundo as indicacións da Deputación estes fondos deberán ser destinados prioritariamente a catro liñas: investimentos, amortización e pagamento de débeda (só ata o 15%), actividades municipais (só o 3,75%) e para a conservación e funcionamento de bens e servizos (22,5%).

A esta positiva modificación do funcionamento dos orzamentos engádense novas consideracións no relativo ás subvencións e ao Plan de Emprego. Deste xeito as subvencións culturais, sociais, deportivas, turísticas e de calquera outra índole que a Deputación outorgue aos diferentes colectivos da provincia outorgaranse por sistema de concorrencia pública na súa totalidade o que supón a desaparición de subvencións nominativas (libre designación). Ao mesmo tempo indícase que se flexibiliza o plan de emprego no relativo aos períodos de contratación. Ata agora os contratos concentrábanse nunha época do ano determinada o que supuña grandes inconvintes para concellos que, como o Grove, tiña características especiais por mor da actividade turística de verán. A partires de agora os Concellos determinarán as datas e períodos deses contratos pudendo atender a necesidades reais neste eido.

Dende o Concello do Grove faise unha valoración moi positiva destes cambios, non só polo incremento que poida supoñer, senón pola seguridade que plantexa para a xestión municipal coñecer de antemán os criterios que se aplican á hora de realizar o reparto dos recursos públicos entre os distintos concellos.

Deja un comentario