+034 986 09 02 04 Xoves 17 de Outubro de 2019

Mos aproba a súa nova RPT


Esta actualización conta co apoio dos sindicatos maioritarios do Concello, CIG e CSIF

A alcaldesa de Mos informou hoxe de que se leva a aprobación en Pleno, tras a derradeira mesa de negociación celebrada o luns 23 de novembro, o documento definitivo da actualización da Relación de Postos de Traballo municipais.

Esta reforma da RPT mereceu o apoio dos sindicatos maioritarios do Concello, CIG e CSIF, así como do Comité de Empresa e da Xunta de Persoal do Concello. Chegados á finalización da actualización do documento, a rexedora local lembra que nas sucesivas mesas de negociación, celebradas dende xaneiro de 2015, aceptáronse a meirande parte das propostas presentadas polos sindicatos asinantes do acordo.

Coa Relación de Postos de Traballo actualizada, a alcaldesa cumpre a súa promesa de realizar unha reforma profunda na RPT, que era necesaria dado que a administración local mosense contaba cunha RPT que fora elaborada pola Universidade e que tiña xa unha antigüidade de 10 anos, vida máxima deste tipo de documentos municipais. Por outra banda, o Convenio Colectivo do Persoal Laboral e o Acordo Regulador dos Funcionarios datan tamén de fai moitos anos e precisaban ser actualizados.

Ademais a tramitación meteórica da actualización deste documento, (que durou un ano escaso ó celebrarse a primeira mesa de negociación en xaneiro de 2015) permite que a nova RPT sexa incorporada ó orzamento do vindeiro exercicio 2016 e que poida ser aplicado ó longo de toda a actual lexislatura.

Esta actualización da RPT supón, coas limitacións da normativa vixente, unha reorganización e axuste dun 80% dos postos do Concello co obxectivo de axustar a estructuración do persoal ós requerimentos da vida municipal mosense. Así o Concello de Mos ponse á vangarda dos municipios da Área Metropolitana en canto a orde e organización da RPT, sendo o único que logrou actualizar e aprobar o documento.

O novo documento da RPT deseñouse para adaptar as normas actuais en materia de persoal municipal á lexislación aprobada máis recentemente, pero sobre todo para prestar un máis óptimo, mellor e máis eficiente servizo ó cidadán. As principais novidades incluídas son a reestructuración dos departamentos de Secretaría e Intervención e o reforzo da área de Intervención especialmente; así coma un notable reforzo (que supón prácticamente duplicar os seus recursos) nos departamentos de Educación, Participación Cidadá e Servizos Sociais. Neste último departamento sensibilizándose coa realidade que lamentablemente aínda viven moitos veciños e veciñas do municipio por mor da crise económica e que precisa de que se multipliquen os esforzos realizados.

Nidia Arévalo declarou que “rematamos o ano 2015 cos prazos cumpridos respecto da actualización da RPT e orgullosos porque ningún outro Concello da Área logrou establecer esta orde e organización na súa Relación de Postos de Traballo”.

O PSOE contradice a decisión dos sindicatos

Arévalo concluiu explicándolle ós socialistas mosenses que critican e pretenden empañar a nova RPT que “acusar ó goberno municipal de provocar unha cortina de fume para tapar irregularidades é tomar por tontos ós traballadores municipais que maioritariamente apoiaron esta nova Relación de Postos de Traballo”.

O verdadeiro problema para o PSOE é que non asume que a alcaldesa cumpra os seus compromisos e nun tempo record regularice e modernice unha RPT cuxas modificacións puntuais xeraron no pasado irregularidades ás que hoxe se pon fin.

Lamenta a alcaldesa que “un partido que presume de ser de esquerdas se poña neste caso en contra da decisión maioritaria dos sindicatos e traballadores municipais”. Asegura que resulta “contradictorio” e que tratan de “sacar rendemento político a calquera prezo”.

Deja un comentario