+034 986 09 02 04 Domingo 26 de Xaneiro de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Pontegal e o Ano Castelao centran as actuacións do departamento de cultura e lingua galega para o vindeiro exercicio


Xosé Leal anuncia as novidades relacionadas coas actividades propias do ente provincial, a maiores do orzamento que xa se destina aos concellos no capítulo de Cultura do Plan Concellos

Para o Pontegal, as actuacións relacionadas co Ano Castelao e co Patrimonio Histórico Artístico destínanse 1.995.000 euros

«O ano 2016 levaremos a figura de Castelao por toda a provincia a través de actuacións relacionadas coas artes e coas facetas artísticas que el desenvolveu», así explicaba o deputado de Cultura, Xosé Leal, o obexectivo dunha das grandes liñas de actuación que o seu departamento levará a cabo no vindeiro exercicio. Así, para as actividades relacionadas co denominado Ano Castelao destinaranse 380.000 euros, aos que habería que sumarlle 275.000 euros máis para subvencións en concorrencia competitiva para actuacións relacionadas tamén con Castelao. As outras dúas grandes liñas que se contemplan son o Pontegal, para o que se destinan 700.000 euros, e as actuacións relacionadas co Patrimonio Histórico e Artístico, con 600.000 euros.
Estas tres liñas contemplan un orzamento total de 1.995.000 euros no que Xosé Leal definiu como «un novo concepto que queremos manexar ano tras ano», referíndose a que desde a Deputación en cada exercicio se centrarán as grandes liñas de actuacións nun tema ou persoeiro destacado. Estas actuacións serán a maiores do orzamento que se contempla no Plan Concellos no capítulo de Cultura. En palabras de Xosé Leal «os fondos do Plan Concellos dá capacidade aos Concellos para definir as súas propias actuacións e investimentos neste ámbito, de xeito que sexan as administracións locais as que definan e executen a súa propia actividade cultural». O deputado de Cultura afirmou que «as actuacións que hoxe presentamos complementan a actividade propia que os concellos poidan desenvolver ao longo do ano»

Actuacións relacionadas co Ano Castelao
Ademais do Ano Castelao que se celebra a proposta da Real Academia das Galega de Belas Artes, tamén está previsto que no 2016 se conmemore o centenario da chegada de Castelao a Pontevedra. En ambas efemérides terá a Deputación un papel destacado a través do Museo de Pontevedra e, nese sentido, desde o departamento provincial de Cultura elixiuse a figura de Castelao como epicentro dunha das súas liñas de actuación máis relevantes do vindeiro exercicio.
Nesta primeira liña, Xosé Leal anunciou dous grandes apartados. Dunha banda, destacan os 380.000 euros destinados a charlas, obradoiros e a actuacións nos concellos, que estarán relacionadas principalmente coa súa faceta teatral e de debuxante. En segundo lugar, destacou os 275.000 euros destinados a subvencións en concorrencia competitiva e destinadas a Asociacións e concellos para realizar actividades relacionadas con todas aquelas facetas artísticas nas que Castelao tivo un papel destacado. Para iso, está previsto redactar unhas bases que contemplen a realización de actuacións relacionadas co teatro, aproveitando que o vindeiro ano tamén se celebrará o 75 aniversario da estrea da obra ‘Os vellos non deben namorarse’; con corais , posto que Castelao foi director da Coral de Pontevedra; coa arqueoloxía, na súa faceta de impulsor do Museo de Pontevedra; ou coa narrativa ou o ensaio. Leal fixo fincapé en que tamén se incluirán actividades relacionadas coa memoria histórica. «Queremos poñer en valor tamén esa faceta de Castelao e por iso tamén se contemplarán as actividades que poñan en valor o seu compromiso neste campo e que incidan na recuperación da memoria histórica» afirmou Xosé Leal.
Neste apartado, o deputado de Cultura tamén salientou como novidade a creación do Certame de Banda Deseñada e Cartelería, como unha forma de relacionar as facetas de Castelao máis coñecidas e nas que máis destacou. «É un premio que creamos con carácter excepcional, e en vindeiros anos temos previsto seguir convocando premios relacionados coas figuras destacadas de cada exercicio» anunciou Xosé Leal.

Pontegal e Patrimonio Histórico Artístico
Para as actuación de Pontegal o departamento provincial de Cultura destinará no 2016 un total de 700.000 euros. «É unha matización do antigo Plan Cultural, no que este ano introducimos as artes audiovisuais, que era unha eiva que detectamos, e o fomento do galego tanto nos receptores como nas actuacións» explicou Xosé Leal. Na redacción das bases contemplarase o uso do galego tanto por parte das compañías e grupos que segundo explicou Leal «a maioría xa teñen esa sensibilidade», e a maiores tamén se solicitará o emprego do idioma galego en toda a cartelería, na que se inclúen ás actuacións nas verbenas.
A terceira das grandes liñas é a referida ao Patrimonio Histórico Artístico , para o que se destina un total de 600.000 euros. Para as actuacións neste campo tamén se redactarán unhas bases , neste caso destinadas só a concellos, para realizar actuacións en dous ámbitos. Dunha banda, establécese unha liña para sinalización de elementos patrimoniais que contará con 200.000 euros. A segunda das liñas, estará destinada a actuacións no patrimonio artístico histórico e que contará con 400.000 euros.

Colaboración con outras institucións
Xosé Leal aproveitou a súa comparecencia para anunciar que desde a Deputación de Pontevedra tamén se colaborará en eventos de gran transcendencia a nivel nacional e que contan con apoio de outras deputacións e institucións. Mencionou, neste apartado, a conmemoración da creación das Irmandades da Fala que contará cunha gran exposición que percorrerá o país e que ademais do apoio das deputacións tamén conta coa colaboración da Real Academia Galega e do Museo do Pobo Galego.

Deja un comentario