+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

José Manuel Rey Varela clausurou o ciclo de encontros organizado pola Federación Española de Dano Cerebral con motivo do seu 20 aniversario


Marca “a defensa dos intereses e a mellora da calidade de vida dos galegos con dano cerebral e as súas familias” como unha das prioridades da nova Consellería

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, clausurou o ‘Encontro DCA. Proxectos de vida: Promoción de autonomía persoal e inclusión social das persoas con DCA’ que pechou o ciclo de tres xornadas de reflexión sobre o papel de familias e profesionais no movemento asociativo do dano cerebral adquirido. Durante o evento, organizado pola Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE), o conselleiro amosou o compromiso da Xunta de Galicia con este colectivo que vén ratificado “con palabras e con feitos”. Deste xeito marcou “a defensa dos intereses e a mellora da calidade de vida dos galegos con dano cerebral e as súas familias” como unha das prioridades da nova Consellería e anunciou que “Galicia contará en 2016 con máis de 100 prazas para a atención diúrna e residencial das persoas deste colectivo”. “Ás 89 prazas das que xa dispoñemos sumaranse outras 24 para a área da Coruña que a Consellería sacará proximamente a concurso”, engadiu.

No encontro, que tivo lugar no edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia, o responsable da área social gabou o traballo de FEDACE ao longo destes 20 anos que describiu como “unha atención celosa e escrupulosa a aquelas persoas que padecen dano cerebral adquirido”. Nesta liña destacou a importancia dos dous movementos asociativos en prol das persoas con dano cerebral como son a propia Federación Española e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) que contan “con toda a confianza e o apoio da Xunta de Galicia”. Tamén recordou que o Goberno Autonómico vén de aumentar o convenio asinado coa Federación Galega de Dano Cerebral nun 26% ata chegar a 211.511 euros. A respecto de FEGADACE, o conselleiro valorou os seus 8 anos de experiencia e que dentro dela participen as cinco asociacións galegas de dano cerebral adquirido: ADACECO (A Coruña), ADACE (Lugo), Alento (Vigo), Renacer (Ourense) e Sarela (Santiago).

Durante o seu relatorio o responsable da carteira social apuntou cara o obxectivo da Consellería de Política Social respecto ás persoas con dano cerebral que en España alcanzan a cifra de 420.000 persoas das cales 35.756 viven en Galicia. “Queremos sensibilizar á sociedade en xeral con respecto ao alcance e á dimensión deste problema; queremos darlle visibilidade ao dano cerebral e normalizar a situación destas persoas”, aseverou.

O conselleiro finalizou o seu discurso asegurando que “aínda que os afectados de dano cerebral precisen da nosa axuda a nivel físico, psíquico ou sensorial; a nosa dependencia de todos eles é moito maior” e ao fío desta idea subliñou a necesidade da sociedade galega dos “valores que estas persoas achegan ás nosas vidas”.

Máis recursos a discapacidade
Na clausura do ciclo de encontros con motivo do 20 aniversario de FEDACE, o titular da área social manifestou que “a promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia é un dos piares desta Consellería”. Así, dixo o conselleiro, a Comunidade Autónoma de Galicia é ”pioneira en ter unha carteira específica de servizos sociais dedicada a esta materia” polo que ten unha maior especialización e programas concretos para todos os colectivos diferentes como alzhéimer, discapacidade, parálise ou dano cerebral.

Para o vindeiro exercicio 2016, no que atinxe a atención ás persoas con discapacidade, a Consellería de Política Social pon en marcha novas iniciativas con financiamento europeo. Estas son: unha liña de axudas para a eliminación de barreiras arquitectónicas, a creación dun banco de produtos de apoio e axudas individuais destinado a adquisición de servizos da autonomía persoal, a modernización de centros públicos con novos equipamentos tecnolóxicos que sirvan de apoio para a atención dos usuarios e melloren as condicións de traballo dos profesionais (cun investimento de 2,9 millóns de euros); e novos programas de formación e asesoramento para coidadores/as de persoas con discapacidade. Ademais, en 2016 reforzarase nun 20% o apoio económico ás federacións integrantes no CERMI acadando esta partida os 3,6 millóns de euros.

Deja un comentario