+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

Comezan os traballos de reafirmado dos camiños principais da zona de concentración parcelaria de Troáns II en Cuntis


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou os camiños en compaña do alcalde da localidade, Manuel Campos

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Cuntis para comprobar o inicio das obras de reforzo dos camiños principais da concentración parcelaria de Troáns II.

Na visita ao concello de Cuntis, José Manuel Cores Tourís estivo acompañado polo alcalde da localidade, Manuel Campos; un representante do grupo local do PP deste concello; o xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar en Pontevedra, Miguel Dubois, e representantes da Xunta Local da concentración.

Segundo avanzou o delegado territorial, estes traballos permitirán mellorar a capacidade portante e a resistencia dos camiños principais desta parcelaria, facilitando así o acceso aos diferentes puntos das parroquias de Ribadumia. Deste xeito, mellorarase a capacidade destas vías trala reparación dos seus deterioros, causados polo continuado paso de vehículos e maquinaria agrícola, así como das augas de escorrentía e outros factores propios do paso do tempo.

En total, actuarase en 7 tramos que suman unha lonxitude de 3.896 metros, dándose así servizo aos novos lotes de reemprazo e aos correspondentes núcleos de poboación. Os camiños teñen un ancho de catro metros e triple rega.

José Manuel Cores Tourís destacou a importancia económica que supón a concentración parcelaria. De feito, o delegado territorial recordou que “o obxectivo último da Xunta de Galicia radica en sacar rendibilidade aos terreos a través de novas explotacións que eviten o abandono da terra e a racionalización da produción”.

Pola súa banda, o alcalde da localidade agradeceu a implicación da Xunta de Galicia coa execución da concentración parcelaria de Troáns II, que conta cunha rede principal de camiños de 3,6 quilómetros e 6,9 de camiños secundarios. Esta concentración conta con 2.917 parcelas, 465 propietarios e permitirá concentrar un total de 147 hectáreas.

No concello de Cuntis finalizouse entre 2009 e 2012 tres zonas de concentración parcelaria: a de Cuntis II con 619 propietarios e 322 hectáreas; a de Estacas, con 254 propietarios e 472 hectáreas; e finalmente, a de Piñeiro-Estacas-Cuntis sector 2, onde existen 530 propietarios para unha superficie de 277 hectáreas.

Deja un comentario